Falar de violencia contra as mulleres, é nomear a manifestación máis brutal de desigualdade, é nomear un instrumento de dominación e control das mulleres. A súa orixe non radica, polo tanto, nun problema de clase, nun problema de perda de control, senón na ideoloxía patriarcal aínda profundamente asentada e lexitimada.
A violencia machista é un aspecto estrutural do sistema que afecta ás normas de socialización de cada xénero aceitadas e lexitimadas historicamente. Non podemos esquecer que, até hai pouco máis de corenta anos, os varóns tiñan cuasi impunidade no Estado Español para dar morte á muller sorprendida en adulterio. Tampouco hai que perder de vista que foi nos últimos anos, cando se lle deu un tratamento penal máis acorde coa gravidade do delito, se recoñeceu a violencia psicolóxica ou se eliminou o requisito da habitualidade.
O BNG ten contribuído, coa súa actuación política a inserir o debate sobre a violencia de xénero nas institucións. Baste recordar que foi precisamente o BNG a primeira organización política de todo o Estado que presentou, aló polo ano 1998, unha proposición de lei no Congreso na que se pedían medidas cautelares, o recoñecemento da violencia psíquica, a extensión da protección penal ás vítimas que nalgún momento tiveran unha relación análoga á conxugal, ou a supresión do requisito da habitualidade como elemento constitutivo de delito.
O pasado 17 de xullo, dábamos un paso máis na loita contra a violencia. Aprobábase no Parlamento de Galiza, baixo o impulso da Vicepresidencia, a primeira Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. Sabemos ben as mulleres, que a igualdade non se decreta por lei, mais son instrumentos necesarios e imprescindíbeis. Non seremos nós que caía no erro de afirmar que isto implica a desaparición da violencia machista, mais si pensamos que é un fito importante que vai marcar un antes e un despois.
A Lei Galega dota ao noso Goberno de maior capacidade de resposta ante as necesidades e demandas das mulleres que sofren violencia de xénero e concreta unha política de carácter integral, baseada na prevención e sensibilización social e na articulación dun sistema de apoio e protección ás mulleres que sofren esta violencia. Presenta ademais unha novidade relevante, a extensión das axudas e protección á todas as mulleres, con independencia de que teñan presentado denuncia. Búscase superar o elemento limitador que a lexislación estatal ten introducido ao longo dos anos. O obxectivo é abrir os recursos, priorizando que teñan todas as oportunidades para rachar coa espiral da violencia e poder así afortalar a súa autonomía e independencia do agresor.
Mais a Lei ten outra característica que para nós é singularmente importante: ten tras de si un proceso participativo que permitiu recoller o sentir e as propostas do movemento de mulleres, das organizacións sindicais, do poder xudicial, dos corpos e forzas de seguridade ou de distintos colexios profesionais. Poucos son os textos lexislativos que teñen tras de si tanto contraste e traballo coa sociedade.
Galiza conta desde onte cun instrumento máis para loitar contra a violencia de xénero, un instrumento que esperamos sexa unha porta aberta a esperanza, que consiga fortalecer o dereito fundamental a vivir sen violencia e que rompa co silenzo, a dor e a soidade de tantas e tantas mulleres.
Ana Belén Pontón Mondelo naceu en Chorente, Sarria, en 1977. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Militante de Galiza Nova e do BNG desde os 17 anos. Durante os anos de universidade participa no movimento estudantil, nos CAF. Foi representante dos estudiantes en diversos organismos. Forma parte da Dirección de Galiza Nova, do Consello Nacional e Executiva do BNG. Na actualidade é Deputada no Parlamento de Galiza. »