Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ana Pontón

Non perdamos o tren do emprego

09:00 02/03/2004

A enunciación da sensibilidade polos problemas e aspiracións da mocidade é un axioma que se repite matemáticamente, facendo que mesmo perda parte do seu sentido. Mais no terreo da realidade (e da política) as cousas demostranse con feitos, non con xestos. Un exemplo práctico desta dicotomia ou contradicción, observamola cando falamos do emprego xuvenil, dos problemas de inserción laboral, da precariedade, do paro, dos baixos salários... Unha situación obxectivábel, non suxeita a interpretacións, que se desprende da análise das cifras oficiais, que no caso da Galiza, diverxen negativamente das médias estatais e comunitarias.

O pasado xoves 26 de Febreiro debatiuse no Parlamento de Galiza unha proposición do BNG a respeito da necesidade de elaborar un Plan de Emprego Xuvenil Galego á vista do fracaso (ou inexisténcia) das políticas activas de emprego destinadas á mocidade. A resposta por parte do PP foi a esperada: a evolución do emprego entre a mocidade é satisfactoria, o paro diminue e a Xunta xa ten en marcha unhas políticas axeitadas(¿?).

Resulta obvio que defender o que obxectivamente está ben feito é lóxico e coerente, mais defender o que a todas luces non funciona ben é, por calificalo de xeito suave, un exercio de mera autocomplacencia e de miopia política. O problema reside en que esta miopía distorsiona as posibilidades e o futuro de moitos mozos e mozas, porque detrás das cifras están persoas de carne e óso.

Desde o BNG estamos convencidos de que a esta situación se pode correxir sempre que exista vontade política, mais isto pasa por recoñecer que o problema existe. A Xunta e o PP pésalle mais recoñer o seu fracaso que os problemas de moitas e moitos galegos, prefiren pasar rodillo parlamentar e deixar que as cousas sigan tal e como están. O acceso a un traballo digno é un direito fundamental, e como tal, a mocidade galega non pode estar privada del.

0/5 (0 votos)



Ana Belén Pontón Mondelo naceu en Chorente, Sarria, en 1977. Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC. Militante de Galiza Nova e do BNG desde os 17 anos. Durante os anos de universidade participa no movimento estudantil, nos CAF. Foi representante dos estudiantes en diversos organismos. Forma parte da Dirección de Galiza Nova, do Consello Nacional e Executiva do BNG. Na actualidade é Deputada no Parlamento de Galiza. »



Anteriores...