Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Manuel Figueiras

O valor engadido do galego

09:30 21/08/2007

É posible que a moitos galeg@s lle pareza inaudito, unha broma, propaganda, ou algo así. Pero como cada día, grazas ó idioma galego. E non son mestre nin nada parecido. O meu oficio é contactar, reunirme e falar con clientes en toda Latino América, Portugal e o estado español.

Á marxe de vivir do galego sen ser mestre, teño que dicir tamén que reúno outra típica condición de galego: son emigrante. Hoxe as capacitacións intelectuais, a información coa que contamos, o apoio ó emigrado na súa traxectoria por parte dos seus, e a concepción do mundo e as súas posibilidades, melloraron. Todo é un reto e non se trata simplemente de subsistir. Non obstante iso non evita que os mozos sigamos a cumprir co noso rol de bos galegos emigrantes, ata o punto de que ser galego e emigrante é case falar de sinónimos.

Pero fuxamos do tema colateral da emigración crónica para centrarnos nas oportunidades que se nos ofrecen na globalización, só polo feito de ser galegos. Grazas ó maior acceso á cultura e á información co que hoxe contamos, deberiamos ser máis conscientes das posibilidades e instrumentos cos que contamos á hora de apostar polo noso benaventurado futuro individual e colectivo, e ver o rol que xogamos como país e identidade no mundo.

A nivel persoal, logo de cinco anos no estranxeiro traballando e estudando, tocoume a lotería, e tiven ocasión de traballar con contratos temporais dous anos en Galiza, tamén como parte do meu período de formación humana. Acabado este tempo decidín marchar para Gran Bretaña, despois de seis meses de busca de emprego, onde vin agromar nunha semana o que no estado español nunca veu a luz nos seis meses anteriores.

Era necesario un empregado que falara idiomas. Pero curiosamente non se requirían capacidades lingüísticas nin de francés, nin de italiano, ruso, chino, nin nada parecido. Paradoxalmente no intre de maior apoxeo do debate sobre qué lingua estranxeira aprender nas escolas galegas... 3 multinacionais desexaban un empregado que falase básicamente portugués e castelán. O atractivo do mercado latinoamericano imponse no Reino Unido. Eu, realmente nunca aprendín portugués, senón que falo literalmente galego. Por descontado os entrevistadores non sabían o que é ser galego. Pero non hai nada que recriminarlles ós foráneos, tendo en conta que a metade do pobo galego tampouco está ó día nesa materia.

Nunha desas entrevistas de traballo a directora, unha italiana moi correcta intentou impresionarme: “agora continuaremos en portugués con Francisco, un compañeiro luxemburgués que fala sete idiomas...”

Francisco, nacido en Luxemburgo, era galego. De pais betanceiros, estaba encargado de escoitar e de responderlle ós clientes portugueses e brasileiros en galego (nin de lonxe se achegaba ó sotaque lisboeta), e ós europeos maioritariamente en francés. A nosa conversa foi vibrante e saímonos do guión para falar das nosas vidas persoais por uns instantes. Probablemente ós galegos que ensinan ós seus fill@s a desprenderse do seu para adoptar o alleo en función de maiores expectativas de progreso isto non lle interese, non obstante eu puiden acceder a este cargo co tope salarial ofertado nun país estranxeiro. E finalmente rexeiteino. Porqué? Porque gracias ao galego apareceu outra oportunidade mellor nese mesmo día, que non me será doado de esquecer, e co mesmo “leitmotiv”.

Ben sei que amosarlle un caso real coma este a uns individuos, que en realidade non queren ver, pode ser unha tarefa frustrante e mal encamiñada. Pero tamén son consciente de que en moitas ocasións nos demandamos porqué Galiza non ten un maior progreso. E agora podemos entender unha das razóns que inflúen neste proceso. Nin valoramos o que temos, nin confiamos en nós mesmos, e iso ten que mudar.

Claro está que existen persoas xordas e programadas para negar a evidencia nunha actitude suicida sobre da que hai que reflexionar alén dos complexos. Tampouco é de esquecer a influencia perniciosa e fornecedora de prexuízos que recibimos dos medios de comunicación estatais e tamén dun sistema educativo fechado, teimudo e españolizado, que ignora e minimiza intencionadamente os beneficios e as potencialidades de tódalas culturas que non sexan a “oficial”, e que son cualificadas de inútiles pola propaganda.

Pero unha vez que cada galego ten a posibilidade de ser consciente e crítico coa realidade, ten acceso á información, á formación, e á cultura, non existen escusas nin barreiras para non reflexionar e adoptar un posicionamento lóxico sobre a nosa conducta e actitude respecto do aprecio á propia identidade, a cultura galega e a súa lingua, amais dos seus beneficios e potencialidades. E non esquezan que eu xa como grazas ó galego, convídoo a que vostede o faga tamén, se o desexa.

4,8/5 (50 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Licenciado en Ciencias Políticas da USC, Master en Institucións e Políticas Europeas pola Universidade de Lovaina. Foi analista do IGADI, do que segue sendo colaborador. Na actualidade desenvolve a súa actividade laboral no Reino Unido como responsábel internacional para Latino América, Portugal e España de Tangent International Ltd.

Outros artigos en Vieiros:

Suíza: inmigrantes Go Home (02/10/2006)
Que podemos esperar de Europa na loita contra incendios? (16/08/2006)
Europa en mans dos tribalismos estatais (13/06/2006)
Liberais británicos: vía libre para os tradicionais (09/03/2006)
David Cameron: a renovación dos conservadores? (29/12/2005) »



Anteriores...