Vieiros

Vieiros de meu Perfil


César Caramés

Dúbidas e Home Rule

00:41 17/11/2006

Quer polo noventa aniversario do levantamento de Pascua, quer polo último e extraordinario filme de Ken Loach O vento que bate a cebada, a leitura ou a releitura dos textos de James Connolly pódenos semellar gorentosa e apetecíbel aos que xa o coñecemos e apaixonantemente actual e clarificadora aos que o acaben de descubrir nestes días.

O vello revolucionario irlandés legoulle aos traballadores do mundo e ás nacións dependentes un cernello arsenal dialéctico para o combate de ideas e mesmo para a loita cotiá no ríspido camiño da conquista do seu futuro.Tras a forxa desas balas certeiras do mártir nacionalista estaban longos anos de activismo no movemento obreiro como sindicalista, a esplotación a mancarlle a carne propia nunha longa xeira de empregos diversos, o coñecemento fondo da experiencia da emigración e o marxismo como implacábel ferramenta de análise nunha formación autodidacta vizosísima. Cando morre, ferido e sentado nunha cadeira fronte ao pelotón de fusilamento británico, fornécelle ao movemento de liberación nacional irlandés un dos seus símbolos máis queridos cáseque a xeito de derradeira ofrenda. Perto ficaba xa a estratexia neocolonial que el ventaba podería aplicarlle o imperio á súa patria canda os perigos que supuña unha concepción da nación e do nacionalismo esencialista e allea á esquerda.

Para o nacionalismo galego posterior á guerra do 36, o rotundo pensamento de Connolly que amece sen fendas nacionalismo e marxismo, serviu de alicerce e de esteo fundamental, aínda que moitas veces non recoñecido, a todo o corpus ideolóxico do noso movemento de liberación nacional até a actualidade. No noso idioma tirouse do prelo en 1993 unha escolma de artigos de Connolly intitulada con moito acerto Nacionalismo e imperialismo dende a editorial Laiovento. Remexendo nela pódese atopar un artigo asinado en febreiro de hai noventa anos no que o irlandés analiza a situación do seu país denantes mesmo do levantamento de Pascua: "Que é unha nación libre?". Nel dan para moito matinar as posturas do revolucionario sobre o Home Rule, o estatuto de nación que andaba a predicar o autonomismo irlandés e que o goberno británico prometera necesitado do sangue novo do Eire para verquer na I guerra mundial. Connolly denuncia a confusión promovida polos xornais autonomistas "na cuestión de cales son os elementos fundamentais dunha nación libre, como debe ser unha nación libre, e a que cousas non pode renunciar unha nación sen perder o seu dereito a ser libre."

O Partido Parlamentar Irlandés, obsesionado cunha saída posibilista e tranquila á cuestión nacional, vendía a concesión da autonomía ao seu país coma a solución definitiva: o recoñecemento formal de que Irlanda era unha nación. Para camuflar a negación do seu dereito a decidir en liberdade, aceptaba el mesmo a pertenza imposta ao imperio británico "baixo a crenza de que ao cabo Irlanda acadou a categoría de nación libre, e de que por tanto as relacións entre Irlanda e Inglaterra están por fin situadas sobre a satisfactoria base da liberdade. Irlanda e Inglaterra, dísenos, son agora nacións irmás, unidas polo vencello do Imperio, mais disfrutando de idénticas liberdades, as idénticas liberdades de nacións igualmente libres." O posibilismo, que leva o autonomismo a confundir o que lle deixan facer co que quer facer, demóstrase tamén nas propias negociacións do estatuto: "O Partido Parlamentario Irlandes, que en cada fase do xogo do Home Rule ten sido burlado e intimidado por Carson e os unionistas, que ten cedido en cada punto e feito todas as concesións á abelenciosa campaña da mafia aristocrática e militar de Orange..." No pasado, Connolly aceptara a loita polo Home Rule coma un chanzo que permitise coller folgos e afortalar a nación para a conquista da soberanía plena, mais logo enxergou a trampa que isto supuña para o propio nacionalismo. O simple recoñecemento da existencia do suxeito político, neste caso a nación irlandesa, se non vai acompañado de igual recoñecemento dos dereitos que como tal suxeito lle corresponden, pode ser a argallada perfeita para anular totalmente a loita por eses dereitos e o movemento que por eles pula. Un marco legal mínimo, concedido con aparente desgana dende o poder que se combate e impulsado desesperadamente polas forzas que o combaten, pode reducir a ese acado todos os logros do movemento opositor xa que el propio o presentou como solución case definitiva na súa desesperación por aganzar algo e está encadeado a el de cara á súa superación. As congostras da humillación que o autonomismo percorre, na tentativa de harmonizar as reivindicacións históricas do nacionalismo irlandés coa súa integración indolora no sistema, engaiolado pola farangullas que esmola do imperio británico, son terribelmente retratadas por Connolly: "James Fintan Lalor describiu a Irlanda como "unha raíña descoroada, recuperando o que é seu cunha man armada". Os nosos parlamentarios tratan a Irlanda, o seu país, como a unha vella prostituta que vende a súa alma pola promesa de favores futuros, e en base ao espírito desa concepción do seu país están levando a súa campaña política."

Contra a manipulación de conceptos que o autonomismo estaba a levar a cabo para xustificar dignamente a súa claudicación e que Connolly denomina "apostasía" dirixe o nacionalista a súa atinada clarificación: "¿Que é unha nación libre? Unha nación libre é aquela que posúe o control absoluto sobre todos os seus recursos e poderes internos, e que non ten restriccións nas súas relacións con outras nacións en semellantes circunstancias agás as restriccións impostas pola natureza. ¿É ese o caso de Irlanda? ¿Sería ese o caso de Irlanda se o proxecto de lei do Home Rule estivese en vigor? A resposta a ambas preguntas é: non, máis enfáticamente, ¡Non!"

Connolly teima en que a autonomía non é máis que unha descentralización concedida polo poder británico que segue a ser o dono da soberanía de Irlanda: "¿Que vos parecería vivir nunha casa na que as chaves de todas as portas estivesen no peto dun rival que vos roubou a miúdo no pasado? ¿Estariades satisfeitos se vos dixera que iades ser amigos para sempre pero que tiñades que asinar un acordo polo que el quedaría controlando todas as vosas portas e custodiando todas as vosas chaves? Esta é a situación de Irlanda hoxe, e ha ser a situación de Irlanda baixo o precioso proxecto do Home Rule de Redmond e Devlin." A imposibilidade dun desenvolvemento económico autoxerado e superador do capitalismo imperialista, coa fin de lle devolver ao pobo irlandés o control e os beneficios da súa propia riqueza, estaba clara nunha situación de simple descentralización administrativa e continuación da dependencia colonial: "Hoxe en día recoñécese que o futuro das nacións depende do asisado tratamento do poder económico e dos recursos e mais do asisado ordenamento das actividades sociais. Que a nación máis rica e feliz será a que teña a previsión de dirixir coidadosamente os seus recursos naturais cara aos obxectivos nacionais. Mais a Irlanda élle negado ese poder e seralle negado co Home Rule. Non se permite que os ricos recursos naturais de Irlanda e o amable xenio dos seus nenos se combinen para satisfacer as necesidades irlandesas, a non ser que a súa combinación opere en liñas aprobadas polos governantes de Inglaterra." Ao cabo, para remate deste artigo de 1.916, Connolly escorrenta os demos do auto-odio que fan tremer a vontade dos colonizados perante a posibilidade dunha emancipación completa, dunha ruptura total coa metrópole coma vitimas do maltrato incapaces de rachar de vez a relación que os destrúe. "Unha nación particular é á humanidade o que o individuo particular é á familia. A familia perfecta é aquela que mellor revela os poderes internos do individuo, o mundo máis perfecto é aquel no que a existencia separada das nacións se considera máis sagrada. Non pode haber unha Europa perfecta na que a Irlanda se lle negue aínda que sexa o menos importante dos seus dereitos nacionais; non pode haber unha Irlanda digna se os seus fillos aceptan mansamente esa negativa. Se esa negativa foi aceptada por eses políticos escravos sen alma, daquela debe ser repudiada polos homes e mulleres irlandeses que aínda teñen alma propia."

Cómpre termos presente a tesitura na que se redixe este texto antes de nos guindar a analoxías lixeiras coa nosa realidade. Lembremos que se trata doutro país, malia os moitos parecidos que poidan existir entre as dúa nacións atlánticas, e doutro tempo histórico, no que o imperialismo non acadara aínda a súa fasquía actual. Con todo, aínda que o decorado, as formas e as aparencias foren diferentes, se cadra damos atopado coincidencia na trama fundamental da historia, na cerna básica do conflito que analiza Connolly: a confusión interesada entre táctica e estratexia; a marxinación das posturas coherentes coas reivindicacións históricas dos movementos de liberación por tolas e ideoloxistas, fronte ao posibilismo devecente de pequenos acados para se xustificar; a confianza, ao cabo, nas forzas e capacidades do propio pobo fronte ao derrotismo dos que xa non teñen folgos para se arrepor e adegoan pola claudicación acougada. Non ten por qué ser abraiante, xa que logo, que puidésemos achar os mesmos papeis arquetípicos nas posturas do nacionalismo irlandés de 1.916 e nas do galego de 2.006 arredor dun proceso estatutario por seren estes universais e aparecer, tarde ou cedo, en todos os movementos nados para unha mudanza profunda do estabelecido. Embora variar a tona que cobre o conflito fundamental, ideoloxismo versus pragmatismo para uns e constancia versus claudicación para outros, ao remate ha ser a historia quen xulgue a uns e mais aos outros como aconteceu no caso irlandés.

1,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



César Caramés

Naceu en San Martiño de Laxe (Moraña) en 1978. »



Anteriores...