Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel M. Barreiro

Coidando dos ovos da serpe

11:02 12/03/2007

O Partido Popular coronou con grande éxito de público o seu acto electoral en Madrid. Desatouse a inevitábel guerra contábel pero tanto ten, o imaxinario videopolítico certifica cualitativamente que a dereita foi quen de mobilizar as súas falanxes e, poñendo a ollada na España pretérita, pode afirmar que a rúa (madrileña) volve ser súa.

O PP non padece de soidades cívicas como asegura o goberno; para demostralo o independente El Mundo decidiu romper co titular: RAZA (Rajoy-Aznar-Zaplana-Acebes) e logo milleiros manifestantes da dereita vitimaria e dunha ultradereita probadamente organizada. O PP non está só, está pesimamente acompañado.

No seu inmobilismo, poucos espazos políticos mudaron tanto como a dereita española. Tardofranquista no primeiro lustro da democracia, dolorosamente parademocrática nos estertores da UCD, resignadamente instalada no sistema bipartidista co primeiro Felipe González e resentidamente rexeneracionista contra o segundo González. Fascinouse coa terceira vía de Blair e, para acantonarse comodamente na Moncloa, entregouse (brevemente) ao centrismo reformista e progresista.

Despois, co Aznarato, formateouse como neoconservadorismo autoritario e, tras o 13-M, iniciou un vacilante camiño cara ás súas orixes. Continuísta sen complexos, Rajoy procurou o pasado, primeiro a paso lento e agora, aguilloado polos estrategas da FAES, a todo correr coa cega ilusión de que en 2008 será o presidente salvapatrias «dos españois que non se resignan».

Resulta estarrecedor o seu uso de palabras como liberdade, verdade ou rebeldía cívica. Indignante a súa apropiación de iconografías e músicas. Insultante o seu revisionismo desmemoriado. Aínda queda quen se sorprende de que na arenga de Mariano Rajoy, na véspera do cabodano da masacre de Atocha, Santa Eugenia e El Pozo, non fixese mención ningunha ás vítimas do 11-M. As únicas vítimas rememoradas son ás que poden ser optimizadas en termos electorais.

Houbo un segundo silencio igualmente notábel. Na súa soflama Mariano Rajoy esqueceuse da Constitución. Certo é que a dereita constitucionalista entrou en crise terminal coas mentiras das xornadas do 11 e 12-M de 2004, pero onte poidemos ver como foi oficialmente silenciada en Madrid. Na súa mudez Rajoy sinalou o camiño que ha seguir o Partido Popular para refundarse como dereita posconstitucionalista.

Non confiemos en que se trate dun movemento pendular. Os condottieros da FAES saben que para acadar a desexada maioría absoluta precisan da mobilización da ultradereita preconstitucional e da nova dereita recastadamente autoritaria. Mimetizado cunha boa parte do auditorio, Rajoy non mencionou á becha, obviou esa Constitución, nacida dunha mol reforma democrática, que é, para moitos dos que onte lle aplaudían, a orixe maldita dos males da nación española.

Para gañar as eleccións o Partido Popular acepta gustoso o seu papel de coidador dos ovos da serpe da ultradereita. Non defende a democracia, ten por única misión preservar a unidade do Estado (mesmo con pouca democracia), e postúlase hoxe como a expresión política máis xenuína da España que non cambia, pero tamén daqueles que, privados do Poder, están dispostos a desandar os avances dos últimos anos. Ningún cambio lle vale e todo lle serve para poñer en cuestión a lexitimidade do reformismo democrático. Vai camiño de ser, como a finais dos anos setenta, o partido da contrarreforma permanente.

Mellor non enganarse, o seu obxectivo non é só erosionar o Goberno, ao seu Presidente e ao PSOE. A súa ofensiva é contra todas as forzas progresistas, do nacionalismo e da esquerda soberanista. A mobilización da dereita (de hoxe, de onte e de sempre) que o sábado marchou unitariamente por Madrid persegue, como non, a derrota do PSOE, pero tamén de Izquierda Unida, do BNG, do PNV e CiU, de EA, de Aralar, da Chunta Aragonesista e de ERC.

Non abondará enfrontala cada quen pola súa conta. Que ninguén crea que no xogo revolto da dereita pode obter beneficio electoral quen non sexa o Partido Popular. Desta volta o PSOE non recibirá réditos do voto útil alarmado. De aí que sexa urxente e necesaria a converxencia democrática de todos para afondar nas políticas de igualdade, no exercicio das liberdades e no autogoberno plural do Estado. É o momento de sumar forzas e non erros e diferenzas. Ou iso, ou Mariano Rajoy na Moncloa. A elección debera ser ben doada.

4,36/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel M. Barreiro

(Caracas, 1961). Licenciado en Historia; profesionalmente é coordinador de edición dixital. Colaborador da Radio Galega e de revistas de pensamento crítico como Tempos Novos e Outrasvoces. É mantedor tamén do blog De paso.

Outros artigos de opinión anteriores de Manuel M.Barreiro »



Anteriores...