Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel M. Barreiro

Estratexias matrimoniais

10:42 20/03/2007

Aqueixado por un trastorno político bipolar, Alberto Núñez Feixóo, presidente do PPdeG, non sabe moi ben con que emoción quedarse. Atormentado, réndese á demonización do BNG a quen acusa (fraudulentamente) de impulsar noutrora converxencias electorais con Batasuna, cando non invoca unha amigábel alianza coa «xente moderada» dese mesmo satánico BNG. Semellante abaneo confunde máis que clarifica pero, en calquera caso, é un síntoma inequívoco da extraviada soidade política dos conservadores galegos.

Nun discretísimo parrafeo, Manuel Fraga ex presidente da Xunta, senatorialmente retirado, deulle a don Alberto o mesmo consello que achegou no seu día (con éxito) a don Mariano; na súa opinión, Núñez Feixóo debería abandonar o seu celibato e casar. Un consello gratuíto que non resolve, máis ben agudiza, o problema. Con quen pode casar estratexicamente o PPdeG?

Núñez Feixóo é un dirixente obediente á disciplina da rúa Xénova, mais tamén é un político intelixente que sabe que a radicalidade vociferante de Zaplana e Acebes non melloran o engado do PPdeG entre os electores mornos e centristas e, pola contra, escorrenta aos dubitativos e acoiraza as fidelidades dos votantes socialistas e nacionalistas. Lonxe de ampliar a porosidade electoral do PPdeG, blinda os apoios sociais do cogoberno que se xuramentan para evitar a volta ao pasado que representaría un triunfo dos populares.

Pola súa parte, a yihad ultraconservadora, capitaneada por Mariano Rajoy, dinamita calquera eventual Gran Coalición ao xeito alemán, con Touriño no papel de Franz Müntefering e Feixóo exercendo de Angela Merkel baixo palio constitucionalista (ou á inversa, que tanto monta, monta tanto). Nin as faccións máis antinacionalistas do PSdeG especulan cunha alianza socioconservadora nun momento en que o Partido Popular se entregou ao todo vale para erosionar a Rodríguez Zapatero e desaloxar ao PSOE da Moncloa.

Tampouco axuda que Núñez Feixóo teime na única operación que lle garante titulares: amplificar as desavinzas entre os socios do goberno galego e inoportunar canto pode a Touriño, unhas veces recordándolle que quen manda efectivamente é o seu Vicepresidente e o BNG, e outras abaixándolle a súa condición presidencial como cando indelicadamente afirmou que «o deputado Pérez Touriño non merece ser presidente da Xunta».

Menor marxe ten Núñez Feixóo co BNG tras a fracasada negociación do Novo Estatuto. O seu reformismo galeguista careceu de vigor suficiente para lograr un acordo na defensa dos intereses de Galiza fronte ao Estado en temas sensíbeis como o do financiamento ou a esixencia dunha expeditiva construción das infraestruturas, tampouco foi quen de flexibilizar a súa posición identitaria rexionalista ou de recoñecer a igualdade xurídica en dereitos e deberes do galego e o castelán, cuestións que lle reclamaban unha posición máis aperturista se desexaba entendementos (futuros) co BNG.

Mariano Rajoy, sabido de que o BNG permanecerá xordo aos cantos das sereas populares, quixo aforrarlle os custos do desamor ao seu correlixionario e xa se adiantou para sentenciar que «un pacto co BNG parece imposíbel, pero depende dos programas». Se depende do programa, todo apunta que vai ser que non.

Do pasado recente quedan algunhas leccións aprendidas: para debilitar o tramado clientelar dos conservadores galegos debe estenderse ás outras deputacións a coalición PSdeG-BNG que xa goberna na Deputación coruñesa. Para evitar que Galiza sexa a retagarda electoral que permita ao PP recuperar o goberno central, unicamente vale unha esmagadora derrota nos vindeiros comicios municipais. Para poder avanzar no autogoberno e desbloquear o Novo Estatuto hai que privar ao Partido Popular do poder de veto que lle outorgan os seus 37 deputados. Para tirar de vez a Xunta de Galicia da súa condición de goberno interino hai que revalidar a vontade de cambio político que expresaron os cidadáns e cidadás galegas en xuño de 2005.

Este obxectivos soamente se conseguen con acordos estratéxicos entre o BNG e o PSdeG. Non hai alquimia alternativa ningunha, nin ensoño de maioría absoluta unilateral que o permita. Por iso, en termos políticos, Alberto Núñez Feixóo está condenado á soltería. É cousa de que se vaia afacendo á idea de que quizais non sexa tan bo partido como pensa.

4,41/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel M. Barreiro

(Caracas, 1961). Licenciado en Historia; profesionalmente é coordinador de edición dixital. Colaborador da Radio Galega e de revistas de pensamento crítico como Tempos Novos e Outrasvoces. É mantedor tamén do blog De paso.

Outros artigos de opinión anteriores de Manuel M.Barreiro »



Anteriores...