Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marisol Bravos

Desconfía...e acertarás

14:00 01/12/2007

Se consideramos que estamos a conmemorar o “Día internacional das persoas con diversidade funcional” quizais xa intúan algo do meu titular.

Vai facer un ano que se anunciou a todo bombo a entrada en vigor da mal chamada Lei de Dependencia (debería ser de inDependencia). Correron ríos de tinta con informacións contraditorias: o que se prometía hoxe, mañá había que desmentilo. É curioso como se buscan as datas máis sinaladas, as máis sensibles... Fíxense que coincidindo co "Ano europeo das persoas con discapacidade", precisamente o día 3 de decembro do 2003, aprobouse a Lei de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal. Comezando o "Ano europeo da igualdade de oportunidades", nace a Lei de inDependencia. Para esta celebración contamos con varias posibilidades. Ben podía ser a Lei que regula as sancións que vulneran os dereitos das persoas con diversidade, o Real Decreto que obriga aos transportes públicos a adaptar os seus servizos e instalacións ou a aprobación da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade. Están a punto así que por falta de normas que non sexa...

Retomemos o refrán... Xa se sabía que a Lei nacía en vía morta e que tardaría un tempo en aplicarse, pero non se esperaba que fose tanto. Moi timidamente van atrasando os prazos, agora xa se fala de que non se estará en disposición de prestar os servizos recoñecidos ata primeiros de ano. O suposto cuarto piar non dá empezado a súa andadura entre a falta de servizos e confusas cifras sobre o número total de dependentes. Semella que as leis non están pensadas para os directamente afectados, senón para cubrir necesidades electorais. O que algúns pretenden valorar como un gran logro social, outros vense obrigados a entendelo como un simple parche ou unha tomadura de pelo. Utilizáronse partidas orzamentarias en teléfonos nos que non se daba información e en estudios que non se chegaron a poñer en marcha. En definitiva creouse emprego, un dos obxectivos da Lei, nos sectores sociais, administrativos e da construción; pero os dereitos dunha parte da poboación seguen sendo indiferentes e quedan en mans de técnicos que elaboran fríos Programas Individuais de Atención. As persoas con diversidade funcional seguen relegadas a unha mera supervivencia e as mulleres do seu entorno, condenadas a suplir carencias.

A Lei pode resultar unha bonita norma teórica, pero que na práctica apenas chegue a ter resultados. Dificilmente cubrirá as expectativas que despertou na súa presentación porque 11 meses despois os dependentes que necesitan 24 horas, os primeiros aos que se lles ía atender, aínda seguen esperando por unha atención domiciliaria de 3 horas ao día como máximo. Repito que estamos a falar de persoas que necesitan de 10 a 24 horas diarias e o importe que se quere garantir só chega para tres. Queda a opción de recluírse nunha residencia a prezo de ouro, para iso o Estado pon diñeiro, un de cada catro euros, se o interesado aporta a diferenza en forma de hipoteca inversa. De pouco serve demostrar que coa inversión nunha praza residencial se poden pagar 11 horas ao día de asistencia persoal.

Nos medios de comunicación aparece o “negocio” que desatou a entrada en vigor da Lei. Interesan máis as cifras que as condicións de vida, considerando as persoas como unha carga social. Para mostra un titular: “Caixas de aforro, inmobiliarias e sociedades de capital apostan polo negocio das residencias”. Fronte a noticias deste tipo tamén hai algunhas, en letra moi miudiña, que falan de investigar o trato que se dá nelas antes de facer máis. De pouco serve dotalas con toda clase de servizos cando o sentimento imperante das persoas con algunha diversidade funcional é acadar a independencia e a autonomía, non a institucionalización. Resumindo: algúns recoñecidos, moitos en espera do seu grao e nivel de dependencia e ningún recibindo prestacións.

3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marisol Bravos

Naceu en Vilachá de Mera (Lugo) en 1955. Combina o traballo como mestra nun colexio público co de escritora. O seu traballo a prol dos discapacitados, colectivo do que ela mesma forma parte, reportoulle numerosos premios, entre eles "Mulleres destacadas" (1993) e "Lucense do ano" (1997). »



Anteriores...