Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Lago Mestre

Os límites permeables da rexión berciana

17:46 05/12/2007

Os límites xeográficos do Bierzo son máis doados de recoñecer. Estamos arrodeados por serras montañosas que marcan os lindeiros coas rexiois veciñas (Castela, León, Asturias e Galiza).

Pola outra banda, coñecemos ben os confíns do Bierzo nos distintos períodos históricos. Así, durante o antigo réxime -séculos XVI ao XVIII-, a provincia do Bierzo incluía tamén a xurisdicíón de Lucillo (na Somoza astorgana), a Cabreira Alta na gobernación da Cabreira e o norte de Valdeorras na merindade de Aguiar, mentres que restaban fóra os concellos de Laceana, Ribas do Sil de Arriba e de Abaixo (actuais municipios de Palacios e Páramos respectivamente). A posterior provincia de Vilafranca do Bierzo abranguía a comarca de Valdeorras, A Cabreira Baixa e os concellos de Páramo e Palacios, amais de terras estremas en Visuña, porto de Manzanal e Cruz de Ferro.

O pleno desenvolvemento do sistema capitalista na segunda metade do século XX supuxo a creación dunha área funcional do Bierzo que exerce a súa influencia económica sobre as comarcas veciñas, casos de Valdeorras, A Cabreira Baixa, Laciana e As Nogais luguesa. Os servizos que presta O Bierzo a eses territorios son: sanitarios, educativos, ferroviarios, comerciais, lecer e demais. Isto permítenos dicir que hai unha rexión funcional do Sil-Este que supera os límites xeográficos e históricos do Bierzo.

Esta peculiar problemática xeográfica podería reforzar as relaciois interterritoriais se se transforman as vías de comunicación de hoxe. Comentamos que a futrua autoestrada do eixo transcantábrico uniría máis Laciana e O Bierzo, outro tanto supoñería a estrada entre Ponferrada e A Seabra zamorana a través da Cabreira, unha nova oportunidade de desenvolvemento socio-económico para esta montañosa e illada comarca estremeira. O mesmo acontecería coa proxectada autoestrada entre Monforte e Ponferrada. Esta última facilitaría máis as comunicaciois entre O Bierzo e Valdeoorras, e incluso coas comarcas de Quiroga, O Bolo e Trives tamén. É dicir a rexión do Bierzo-Sil Este abranguería unha área funcional máis ampla cá actual.

Locomotora económica
O Bierzo pode facer de locomotora económica respecto de todo o espazo rexional visto. A presencia dun centro urbano forte, caso de Ponferrada, é fundamental para o desenvolvemento endóxeno de todas as comarcas veciñas, capaz de evitar as excesivas dependencias doutros centros urbanos máis alonxados. Sempre será mellor certa dependencia económica e funcional dunha cidade media, teimamos en Ponferrada, que doutras urbes como A Coruña, Vigo, León ou Valladolid.

Outra problemática interterritorial do Bierzo formula a necesidade de reforzar a protección medio-ambiental dos espazos naturais que compartimos con Galiza. Referímonos a Os Ancares, serras dos Cabalos e da Enciña da Lastra, as ribeiras do Sil, o Camín de Compostela, o Camín de inverno por Valdeorras, a Vía Nova romana que vai a Oporto, etcétera. Non resulta convinte a protección institucional destes espazos de xeito infividualizado, pola Junta de Castela e León, Deputación leonesa, o Consello Comarcal berciano ou Xunta de Galiza, por mor dos atrancos que supoñen os lindeiros interautonómicos. A dita protección medio-ambiental, así como a etnográfica ou cultural-lingüística, as vías de comunicación, a promoción turística estatal ou internacional e demais ámbitos precisan de políticas conxuntas entre Galiza e O Bierzo.

Vemos pois como as relaciois tradicionais entre as distintas comarcas do val do Sil-Este poden reforzarse aínda neste comezo do século XXI. Os límites históricos da provincia do Bierzo e os actuais da recoñecida legalmente, en 1991, como Comarca do Bierzo son superados xa pola capacidade de influencia funcional e socio-económica da nova rexión do Bierzo-Sil Este. Neste sentido cómpre establecer xa unhas relaciois estratéxicas de futuro prioritarias con Galiza, capaces de articular un desenvolvemento sostenible, coordinado e articulado para toda esta ampla rexión.

4,18/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Lago

Xabier Lago Mestre, berciano, natural de Ponferrada. Licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca. É presidente da asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo, creada en 1998, para a defensa e promoción da cultura e lingua galegas do Bierzo. Os seus traballos históricos, xurídicos e culturais están publicados numerosos xornais de Galiza, O Bierzo, León e Cataluña, tamén ten dado varias conferencias sobre estes temas. »



Anteriores...