A convivencia interlingüística na rexión d´O Bierzo non sempre se analiza coa obxectividade que precisamos. Velaí a necesidade de analizar esta cuestión idiomática baixo distintos puntos de vista, de cara a termos máis datos que nos axuden a resolver esta problemática actual. A seguir veremos os que consideramos prexuízos lingüísticos, algúns tan asimilados socialmente aínda, para desmontar a súa débil argumentación.
AS CUESTIÓIS HISTÓRICAS
Os que descoñecen o noso pasado histórico propagan que a lingua galega chegou a O Bierzo da man dos inmigrantes naturais da Galiza ao longo dos séculos. Dende logo que se asentaron moitos galegos nesta rexión, recordemos que por eiquí pasaron milleiros de emigrantes temporais que ían á sega de Castela e León. Outros viñeron a traballar nas obras públicas (encoros, centrais térmicas, estradas, ferrocarrís…), mineiría e demais durante o período do desenvolvemento capitalista da rexión no século XX.
Sen embargo, a lingua galega n´O Bierzo pervive dende moito atrás. Grazas á documentación monástica sabemos que no Medievo xa falabamos este idioma. Nos mosteiros de Carracedo, Vilafranca e Espiñareda teñen abundante documentación en galego. Poderase discutir se ese idioma escrito é soamente galego ou está mesturado de ástur-leonés ou con castelanismos, pero o certo é que os historiadores e mailos filólogos o recoñecen como idioma galego.
AS CUESTIÓIS FILOLÓXICAS
Os estudos filóloxicos insisten en que as bercianas e os bercianos falamos o idioma galego. Por suposto que hai diferenzas dialectais entre o galego falado na Mariña luguesa, A Moaña, A Limia ourensá e O Bierzo. Pero, a pesar das diferenzas dialectais, hai un uniformismo entre todas estas comarcas que permite falar dun mesmo idioma galego. Porque no propio Bierzo hai diferenzas dialectais entre o galego falado no occidente/oriente rexional, ou nos diferentes vales (Selmo, Valcarce, Burbia, Ancares ou Fornela), a nivel do vocabulario por exemplo. En fin, estas diferenzas dialectais non diminúen nin cuestionan a importancia filolóxica do galego n´O Bierzo.
Outro tipo de prexuízos xorden cando se trata de identificar terminoloxicamente o galego d´O Bierzo. Así atopamos dialecto galego-leonés, dialecto galego-berciano, falas galego-leonesas… que parecen ocultar que existe unha lingua galega na nosa rexión. Máis grave é aínda a defensa que os menos fan do chamado dialecto berciano, o cal ningún filólogo apoia porque non existe neste territorio con tres idiomas, a saber, castelán, galego e ástur-leonés. O dialecto berciano nace por unha errónea defensa da identidade lingüística rexional e a ignorancia sobre a concurrencia trilingüe.
Critícase aos filólogos que non son capaces de establecer os lindeiros claros entre as linguas da rexión berciana. Dende logo que os filólogos fan o que poden por determinar eses límites a través das chamadas isoglosas pero non resulta fácil pola dificultade de atopar datos históricos e filolóxicos, ademais da escaseza de financiación pública para a realización dos necesarios estudos. Isto aprovéitase para alegar que as tres linguas d´O Bierzo están tan mesturadas que non se poden nin fixar os seus respectivos territorios.
AS CUESTIÓIS SOCIOLINGÜÍSTICAS
O idioma galego d´O Bierzo aséntase no occidente rexional, que na zona máis periférica padece a forte despoboación. Por suposto mantén máis vitalidade nos eidos rural, agro-gandeiro, montañoso, sendo falado polos máis vedraños, no seos familiar veciñal, das nosas aldeas, pobos e vilas. Pola contra, nos ámbitos económicos máis desenvolvidos, urbano, comercial, administrativos, lecer e demais prima o idioma castelán. Todo isto provoca situacióis de desigualdade lingüística para os galego-falantes que se traduce no fondo nas conseguintes discriminacióis.
A falta de consideración lingüística para cos galego-falantes dende séculos, fronte aos castelán-falantes, provoca a escasa conciencia lingüística da minoría etnocultural. Entre os galego-falantes xorde a identificación co chapurreao, un exemplo máis do autonoxo, do desprestixio que posúe a lingua que falan, prexuízos todos da nosa minoría. Unamos a isto que os falantes bercianos, a pesar da veciñanza cos falantes da Galiza, están afastados deles polos lindeiros político-administrativos, a nivel provincial e autonómico. Hai pois unha “fronteira mental” para os falantes bercianos que empece asumir con racionalidade a unidade sociolingüística galega do noroeste peninsular.
A problemática sociolingüística n´O Bierzo agrávase pola participación activa dos neofalantes que desexan recuperar o idioma galego a través dos procesos de normalización idiomática. A racha xeracional entre os vedraños e a mocidade é unha realidade. Os primeiros desconfían do que consideran o galego novo e urbano, o normativizado, e defenden o dialectal e rural. Os neofalantes queremos un galego común a todo o noroeste peninsular, e cercano ao portugués-brasileiro incluso. Hai unha clara pretensión por normalizar o galego, recuperando eidos sociolingüísticos (administración, medios de comunicación, novas tecnoloxías…), e acadando o recoñecemento de dereitos lingüísticos plenos, os memos que teñen os falantes da Comunidade Autónoma de Galiza.
AS CUESTIÓIS POLÍTICO-IDEOLÓXICAS
Dende logo que a recuperación e normalización lingüística do galego n´O Bierzo ten relación coa política, coa intervención política, porque precisa dunha lexislación e dunha actuación administrativa a prol do noso idioma minorizado. Cómpre ter presente que a discriminación das linguas autonómicas contou durante séculos co apoio dunha lexislación que só favoreceu o castelán. Lexislación antigalega que vai trocando pero que continúa asumida como tal pola mentalidade colectiva de moitas persoas, desconfiadas cos avanzos normalizadores actuais das linguas minorizadas.
A isto unimos que o rexionalismo castelán (político, cultural…), declarado ou non como tal, aínda ve con malos ollos calquera normalización da nosa lingua galega. Así non se conceden dereitos lingüísticos aos galego-falantes d´O Bierzo dende as Cortes de Castela e León. Nada importa que os falantes da Galiza teñan dereitos lingüísticos, mentres que os bercianos, falantes da mesma lingua, non gocemos de dereitos lingüísticos, por suposto, isto non é desigualdade, nin supón discriminación ningunha. Logo está o leonesismo que admite a duras penas, ou sinxelamente nega a existencia do galego na rexión berciana, porque a presenza deste idioma cuestiona a pretendida unidade política e cultural do seu territorio, o País Leonés.
Tamén está o tema da cooficialidade do galego d´O Bierzo, tan cuestionado na rexión e admitido na veciña Galiza. A declaración da cooficialidade traería consigo a concesión de dereitos lingüísticos aos galego-falantes, polo momento todo son negativas a algo que algún día haberá que asumir políticamente con total naturalidade. O dereito lingüístico internacional non vai permitir que o dereito autonómico conculque os dereitos lingüísticos dos galego-bercianos.
AS CUESTIOIS ADMINISTRATIVO-INSTITUCIONAIS.
Deixamos este apartado para falar dese lindeiro interautonómico entre Castela-León e Galiza que tanta influencia teñen na mentalidade colectiva dos bercianos. Ese lindeiro obriga a asumir, legal e mentalmente, a “fronteira cultural e lingüística”, de xeito negativo, determinando que o galego se fale só en Galiza e o castelán en Castela-León. De nada vale saber que n´O Bierzo falamos galego na parte occidental. O dito prexuízo fronteirizo e monolingüe nos impide valorar nos seus xustos termos o bilingüismo rexional berciano. E o mesmo acontece cos lindeiros provinciais, se O Bierzo pertence á provincia de León, non se pode admitir que se fale galego, isto queda para as provincias galegas. Os lindeiros administrativos marcan a súa lei, separando aos falantes dunha mesma lingua galega, evitando as complicacióis dos confusos lindeiros culturais e lingüísticos, que só crean problemas entre as comunidades autónomas veciñas. A realidade é que a lingua galega sobarda o actual lindeiro provincial e autonómico e que así seguirá se os falantes bercianos o permitimos.
Xabier Lago Mestre, berciano, natural de Ponferrada. Licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca. É presidente da asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo, creada en 1998, para a defensa e promoción da cultura e lingua galegas do Bierzo. Os seus traballos históricos, xurídicos e culturais están publicados numerosos xornais de Galiza, O Bierzo, León e Cataluña, tamén ten dado varias conferencias sobre estes temas. »