Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alberto Estévez

A mesma vara de medir?

12:34 04/04/2007

Estes días dous representantes do goberno español están a visitar Cuba e China. Mentres o ministro de Asuntos Exteriores Moratinos visita Cuba, a vicepresidente primeira Fernández de la Vega inaugura o Ano de España en China. Estas visitas a dous países da chamada órbita socialista poñen a proba o compromiso da política exterior do goberno de Zapatero coa defensa dos dereitos humanos, un principio que di defender. Obras son amores, di o refrán, e nos próximos días veremos se emprega a mesma vara de medir en materia de dereitos humanos ou, como no pasado recente, antepón os intereses económicos a estes.

En Cuba, España ten intereses económicos no sector turístico e noutros ámbitos, ademais dun interese político. Para algúns analistas, pode xogar un papel clave no futuro do réxime. En China, un enorme mercado potencial e un lugar onde as empresas españolas tentan facerse un oco, a visita inclúe numerosos contactos empresariais e políticos.

Examinemos a situación de dereitos humanos destes dous países. Por un lado temos a unha Cuba onde a mirada internacional e mediática está centrada case exclusivamente na saúde de Fidel Castro e na sucesión ó poder. Maís aló do debate mediático sobre si Moratinos se entrevista ou non cos opositores en Cuba, cómpre sinalar que seica pasou desapercibido o cuarto aniversario da oleada represiva de 2003 cando as autoridades cubanas detiveron a decenas de opositores ao réxime e someteron a xuízos sumarios a 75 deles, con condenas de ata 28 anos de cárcere nalgúns casos. Arestora hai un mínimo de 65 presos de conciencia nos cárceres cubanos, encarcedos polo exercicio pacífico dos seus dereitos.

Hai un par de semanas, Amnistía Internacional mostraba a súa preocupación polas detencións arbitrarias que se practican case a diario; pola reclusión sen cargos nin xuizo a persoas polo mero feito de sospeitar que participan en actividades contrarrevolucionarias; polas condenas inxustas que se dictan contra disidentes ou detractores do régimen; polo acoso, intimidación e actos de repudio de quen se opoñen ao goberno; e polo mantemento da pena de morte en Cuba, onde 40 persoas seguen condenadas á pena capital, malia non aplicarse desde abril de 2003.

Malia que o embargo de Estados Unidos perxudica os considerables esforzos feitos para garantir o acceso dos cubanos á educación e á atención médica, este non pode empregarse como pretexto para violar os dereitos humanos dos cubanos. É verdade que o embargo perxudica gravemente a capacidade da poboación cubana para disfrutar dos seus dereitos económicos, sociais e culturais, como o dereito á alimentación, á saúde e a unhas condicións hixiénicas e mesmo a liberdade de movemento dos cubanos.

Vexamos as carencias do “xigante asiático” chinés. O país con máis execucións do mundo, onde a pena de morte se impón por 68 delitos, algúns como fraude impositivo, malversación de bens do Estado e aceptación de sobornos e en 2005 executou a preto de 1.800 persoas e condenou a morte a 3.900, pese a que as cifras reais –non hai cifras oficiais sobre este tema- son moito máis elevadas. Dende que se introduciu en 1996 o uso da inxección letal como forma de execución, o transplante de órganos converteuse nun gran negocio, sobre todo dende a privatización do sistema de saúde en China, o que podería ser un incentivo económico para mante-la pena de morte.

A utilización da “reeducación polo traballo” supón unha detención sen cargos nin xuízo que as autoridades de Pekín aplican persoas sen fogar e delincuentes menores no seu intento de "limpar" a cidade antes dos Xogos Olímpicos de 2008. Outras vítimas desta política foron os membros de Falung Gong, declarada en 1999 unha "ameaza para a estabilidade social e política". Desde entón decenas de milleiros de practicantes deste movemento espiritual foron detidos arbitrariamente en China, encarceradas, e mesmo ingresadas en hospitais psiquiátricos. Sen embargo, a inmensa maioría foron recluídas en centros de "reeducación polo traballo" e moitos foron torturados ou maltratados.

Igualmente, persisten as restricións ó acceso dos detidos a avogados e familiares, e os xuízos non cumpren as normas internacionais de xustiza procesal, así como as restricións ó traballo dos defensores de dereitos humanos. Avogados, xornalistas, activistas en favor dos dereitos das persoas con VIH/sida e defensores do dereito á vivenda son fustrigados, detidos ou encarcerados por documentar abusos contra os dereitos humanos, facer campaña a favor a reforma ou tentar conseguir un resarcimento para as vítimas de violacións de dereitos humanos.

Por outra banda, a represión contra xornalistas, xornais e sitios web en China continuou o ano pasado, suscitando serias dúbidas ó respecto do cumprimento do compromiso de garantir “completa liberdade ós medios de comunicación” durante os Xogos Olímpicos de Pekín. Centos de sitios web internacionais continúan bloqueados e miles de sitios web chineses foron pechados. Por último, os migrantes internos en China -entre 150 e 200 millóns de cidadás e cidadáns chineses procedentes de zonas rurais que residen e traballan en cidades- son vítimas de diversas violacións de dereitos humanos e de discriminación debido a súa orixe social.

A política exterior española e os dereitos humanos

Como afecta todo isto á política exterior española?. Nos últimos tres anos a acción exterior do goberno de Zapatero en foros internacionais ten sido, nas declaracións oficiais en foros multilaterais, unha política comprometida coa defensa do multilateralismo e dos dereitos humanos, malia que ás veces se botase de menos un maior compromiso e os pasos dados fosen lentos. Así, unicamente o ano pasado vía a luz, logo de diversos atrancos e con diversas eivas, un Plan de dereitos humanos que Amnistía Internacional reclamaba desde hai anos. Non é como os do Reino Unido ou Alemania, que si marcan obxectivos concretos e temas como tortura, a pena de morte e outros temas, pero é un xeito de empezar a facer as cousas cun certo grado de seriedade e compromiso.

Sen embargo, no momento da verdade, cando chegan os cumios bilaterais e as visitas a mandatarios de outros países, os dereitos humanos pasan a un segundo plano, como se fosen un invitado ata certo punto “molesto”, malia que depende do país. Así, ante Putin, Obiang ou o rei de Marrocos ou na visita do Presidente Zapatero a China en xullo de 2005, non se trataron asuntos de dereitos humanos. A enerxía, o petróleo, a inmigración, o “terrorismo”, a “estabilidade” ou os intereses económicos adoitan ocupar na axenda nun lugar máis destacado que os dereitos humanos, por mor dun enfoque miope da política exterior. Neste contexto resultou abriante a ausencia de mensaxes destinados a promover o respecto dos dereitos humanos durante a visita do presidente chinés Hi Jantao a España en novembro de 2005. Daquela Zapatero avogou polo levantamento do embargo de armas da Unión Europea a China malia as graves violacións de dereitos humanos que se cometen neste país e a activa política chinesa de exportación de armas a países en conflicto como Nepal, Sudán ou Myanmar, e mesmo a países onde se emprega na criminalidade como Sudáfrica ou Australia.

Ata hoxe, o Goberno español, nos seus contactos ó máis alto nivel coas autoridades chinesas, antepuxo os seus intereses económicos á situación de dereitos humanos alí, un país onde se levan a cabo execucións, se practica a torturas e os malos tratos, hai detencións arbitrarias, desaloxos forzados, restricións á liberdade de expresión e outras graves violacións de dereitos humanos.

As autoridades chinesas deben facer honor aos compromisos adquiridos en abril de 2001, cando se elixiu a Pekín como sé dos próximos Xogos Olímpicos, igual que os que asumiu cando resultou elixida para o novo Consello de Dereitos Humanos da ONU en marzo 2006. Estes compromisos inclúen un avance notable na situación de dereitos humanos no país, algo que non se producíu.

Desta volta esperamos que a vicepresidenta si faga un esforzo por transmitir unha mensaxe clara en materia de dereitos humanos. Confiamos en que, igual que o ministro Moratinos reclame a liberación dos presos de conciencia e pida melloras noutros aspectos en Cuba, a Vicepresidenta do Goberno non volva a ignora-la grave situación de dereitos humanos que se vive en China.

O goberno español debe ser o primeiro interesado nunha mellora da situación que redundará en maior estabilidade, porque o respecto aos dereitos humanos (todos eles, os civís e políticos e os económicos, sociais e culturais) é a base da convivencia pacífica e do progreso e o desenvolvemento. Nesa situación poderían ser mesmo maiores os beneficios económicos dos intercambios comerciais. De ahí que non actuar nesa liña amose unha tremenda miopía política. Pero para iso ten que aplicar a mesma vara de medir a todos os países, non pode facer distinicións en función dos intereses económicos a curto prazo. Velahí un gran reto da política exterior.

3,27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alberto Estévez

Alberto Estévez Suárez naceu en Vigo en 1970. Vencellado a Amnistía Internacional desde hai 20 anos. Desde 2000 ata 2003 traballou como consultor internacional na preparación da campaña mundial "Armas Baixo Control". Actualmente traballa como voluntario na agrupación viguesa de AI e asesora á Sección española de AI en temas de comercio de armas. »



Anteriores...