Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Gaspar Méndez

A demanda do galego

12:30 20/05/2008

Nos últimos anos, a empresa para a que traballo vén incorporando o galego de maneira paulatina nos seus procesos, sobre todo nos contratos. Tamén o portal dos empregados ten versión galega, e podemos navegar en galego na procura de información.

Certo día navegabamos o meu xefe e máis eu, cada un a un lado do fío telefónico, na procura da mesma información. Seguindo a mesma ruta el atopaba e eu non. A única difereza era que el navegaba en castelán e eu en galego. A partires de ese día navego en castelán.

Tamén, polo meu traballo, adoito chamar a Unión Fenosa e Telefónica. Unión Fenosa, que presume de galeguidade cando lle convén, só contesta en castelán. Telefónica dá as dúas posibilidades. Pero "se vostede desexa ser atendido en galego" pode pasar media hora agardando a que lle collan, se non se corta antes. Eu sempre "deseo ser atendido en castellano".

O meu ordenador portátil leva de serie o Windows XP, ao que eu lle engadín a interface en galego e, polo de agora non me consta ter problemas. 

O Ministerio de Economía e Facenda dá a opción de presentar as declaracións do IRPF en calquera das linguas oficiais, e eu presumo de presentar a miña, en Castela e León, en galego un ano tras outro.

Este ano descarguei o programa de axuda, coma sempre, e dábame un erro: “descargue ADO”. Miro na web da AEAT e descargo os arquivos precisos para o meu sistema operativo, e nada. Segue a dar o erro. Despois dunhos días de volverme tolo, chamo ó servizo de axuda e, despois de darlle voltas, chegamos á conclusión de que eu teño, nas opcións rexionais do meu sistema operativo,o idioma galego, e non pode ser. Para que o programa funcione teño que ter “Español España”. Sáeme a devolver e fanme falta os cartos, así que “para que lle imos dar máis voltas”.

Mundo ao revés
Non hai problema, porque neste mundo ao revés onde os monolingües que procuran que todos o sexamos chamanse “Galicia bilingüe”,e os que demandamos servizos na nosa lingua, que somos os verdadeiramente bilingües, aínda que prefiramos o galego, acabamos utilizando os servizos na lingua que menos traumas nos cause.

Entón, hannos de dicir todas esas compañías que tanto se esforzan en ofrecer servizos na nosa lingua: ¿Para que ofrecelos se ninguén os demanda?. Non merece a pena gastar os cartos en aplicacións en galego que non teñen demanda.

Ou se vixía que os servizos que se nos ofrecen en galego sexan da mesma calidade que os que se ofrecen en castelán, ou senón todos estos intentos por defender o noso dereito a vivir en galego serán contraproducentes.

4,59/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en Ponferrada en 1964. É licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Alcalá e "Master en Facenda Pública: Gasto Público e Programación Económica" polo Instituto de Estudios Fiscales. Traballou na Consellaría de Economía da Comunidade de Madrid, e na actualidade é director dunha oficina bancaria na provincia de Lugo. »



Anteriores...