Unha das características da lingua serbia é a tendencia a utilizar a negación como forma de afirmación, a indicar que algo é así porque o seu contrario non o é. Esta casualidade -sen nada de especial- ten o seu reflexo na sociedade da ex-Iugoslavia, moi especialmente nos dous estados que foron parte dese inexistente estado... e que aínda aparece nos pasaportes emitidos en Serbia e en Montenegro.
A negación das características do contrario ten sido unha tendencia social con fondas raíces: unha das imaxes máis famosas do conflito iugoslavo -e que aparece en xa en varios filmes da ex Iugoslavia e en case todos os documentais de produción propia sobre a guerra dos 90- é a do primeiro informativo do primeiro día da guerra. Un reporteiro da televisión serbia achégase na primeira liña de fronte a un soldado do exército iugoslavo duns vinte e poucos anos vestido de camuflaxe e espétalle a pregunta: “por que temos este enfrontamento?” O soldado, pensativo, responde: “porque eles queren a independencia e nós que non llela damos”.
Durante eses mesmos anos 90 houbo unha grande paranoia entre os dous e tres grandes bandos en conflito por “afirmar negando” o seu ser: afirmar negando quere dicir salientar o que eles non son o que nosoutros somos; de feito, hai uns anos, nunha enquisa (serbia) sobre como son os croatas, a maioría das respostas eran negacións á pregunta “como son os serbios”: eles non son así, eles non teñen isto, eles non están... no canto de dicir son así, teñen isto, están... Seguro que en Croacia as cousas son semellantes.
Co serbocroata pasou algo parecido, todo o mundo espetáballe ao veciño que mudara a lingua, antes non falaban así, no canto de dicir agora falan diferente. Sempre se esaxerou moito co serbocroata e as mudanzas -alén das nominais- acontecidas nos anos 90, máis que nada porque aínda non hai estudos nin serios nin obxectivos ao respecto, e co serbocroata cada un fala da feira segundo nela lle foi. A repanocha de todo isto aconteceu no ano 2006: a constitución de Serbia declara o serbio oficial, para acto seguido definir que o serbio só é oficial de se escribir en cirílico. Montenegro declara na súa constitución que a lingua oficial é o montenegrino, é dicir serbio ikavski, sendo oficiais o alfabeto cirílico e latino. As comparacións, porén, sempre son odiosas, e as xustificacións dos imposíbeis, aínda máis.
Todo isto -ainda que non o pareza- ten moita relación coa nova da aprobación da Carta Magna de Kosovë, que ha ser ratificada en xuño, e na que se indica, entre a indivisibilidade e a laicidade do novo estado (a que constitución nos lembra...?!) que as linguas oficias en todo o territorio serán o albanés e serbio -si, en todo o territorio, incluso onde non haxa serbios ou albaneses. Disto, abofé, non se falou nos medios. Curioso, seguro que sería, a todas luces e para todos os medios de comunicación -en castelán- de Galiza, unha victoria do movemento pro dereitos civís “Kosovo Bilingüe”. Xa mo podo imaxinar: “¡Galicia coma Kosovo! ¡Modifiquemos el estatuto!”.
Estado máis novo
Non é para facer mofa, porque esa constitución, beizoada, louvada, a constitución do estado máis moderno (perdón, máis novo) do mundo, nacido para evitar xenocidios, esquece a sete minorias que tiñan os seus dereitos lingüísticos e culturais recollidos en Iugoslavia (e non son eu un defensor do iugoslavo, abofé que non...) e que, curiosamente, non cometeron xenocidio, se non que foron vítimas do xenocidio e, neste caso, non serbio precisamente; ao final resulta que Kosovë é cousa de dous: serbios e albaneses, é un bi-país!
Alén disto, non só é grave que se lles nega o dereito á existencia e á protección lingüística ou cultural os turcos, bosníacos, croatas, gorani, ashkaliye, exipcianos e roma, senón que nega outra vía que non sexa a asimilación ou o exilio. O máis abraiante de todo é que nesta constitución, neste proceso, non se fala xa de kosovares (o “residente” en Kosovë?!) senón de serbios e albaneses. Xa non vale a multiculturalidade, xa non vale a diversidade: benvidos ao mundo do branco e o negro! O peor é que desas minorías, tres son kosovares, é dicir, son exclusivas de ali, son orixinarias e non existen en ningures; non teñen unha Albania que lles envíe armamento pola fronteira, ou unha Iugoslavia que mande ao exército para as protexer. Non teñen unha Turquía que mire por elas. Por eles mira Kósovo, pero Kósovo só ten dous ollos, un serbio e outro albanés... e os dous son de vidro. Para a comunidade internacional -para os medios de comunicación- hai serbokosovares e (albano)kosovares: os demais non causan problemas, con eles non contamos.
E é que hai precedentes: os países con nome de sobremesa, que son unha macedonia de linguas e etnias, e que curiosamente coa protección das minorías lingüísticas evitan guerras, onde hai diálogo e verdadeiras políticas lingüísticas e educativas, que non teñen espello ningures en Europa, sempre teñen un veciño “fachandoso” dos seus 5000 anos de historia que lles ha facer a vida imposíbel. Xa se ve, no fondo, todos os que falan de defensa de dereitos e liberdades son os que son.
É a historia dos bi- que nos afectan (e infectan) por igual a moitos europeos: para o estado máis moderno do mundo, a escolla é xo ou arre, serbio ou albanés, blanco ou negro... debe ser cousa do serbocroata, (srpski ili hrvatski oficialmente así denominado en tempos, serbio ou croata) que nominalmente era a escolla de dúas parte e na que se nega como xeito de reafirmación. Xa o di o noso refraneiro, nin deus é tan bo nin o demo tan malo... aínda que as veces pareza que só dous sexan moi pouca cousa para todo o mal que no mundo hai.
Nado en Vigo o 8 de febreiro de 1980. Licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. DEA en Tradución e Paratradución, presentando un traballo de investigación tutelado sobre a Ideoloxía nas traducións de Ivo Andrić. Tradutor e intérprete xurado inglés – galego – inglés. »