Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Anxo Gómez

Política empresarial. Unha visión lingüística

16:20 23/09/2008

O Club Financiero de Vigo acaba de publicar un caderno titulado Política lingüística. Unha visión empresarial. Despois de o lermos, consideramos que as teses que defende quen o escribiu son, efectivamente, produto dunha “visión”, isto é, “deixouse levar excesivamente pola imaxinación até o punto de equivocarse ou crer ver o que non existe”. Procuraremos, con este artigo, facer unha achega desde a lingüística sobre a política empresarial a respecto do galego baseándonos en datos e estudos que calquera pode consultar.

IMPOSICIÓN? Comecemos pola idea tan repetida de que o galego se está a “impoñer” por determinadas institucións e leis. As leis son promovidas polo goberno da Xunta e aprobadas polo Parlamento galego, que todas e todos os galegos eliximos nas urnas. Son, pois, resultado dos consensos de institucións elixidas polos cidadáns. Están vostedes en contra de que así se faga? Canto á lei sobre a toponimia, xa foi referendada polo Tribunal Constitucional. Só é válida a Constitución cando impón o “deber” de coñecer o español? Sería aconsellable que consultasen tamén a lexislación europea e internacional en materia lingüística: da UNESCO, da Unión Europea, do Consello de Europa… ratificada e asinada polo Estado Español, como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que en relación ao sector económico afirma que os asinantes deben “oporse ás prácticas encamiñadas a desalentar o emprego de linguas rexionais ou minoritarias no marco das actividades económicas ou sociais” (Artigo 13, 1.c).

MÁIS DATOS. Consulten os datos do Censo publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística). O galego é a lingua maioritariamente usada polas galegas e galegos. Temos os mesmos dereitos que a minoría de poboación que fala castelán? Cantos xornais podemos ler en galego? Cantas películas (consulten a carteleira)? Cantas hipotecas están redactadas en galego? Cantos xogos teñen os nosos nenos e nenas en galego? Un dato que se pode constatar cada domingo a modo de exemplo: páxina 4 edición da Coruña de La Voz de Galicia (23-3-2008): 207 misas en castelán / 8 en galego. É dicir, a visibilidade social do galego é moito menor que o número de galego-falantes.

DATOS DO ENSINO. Para falaren do ensino, previamente deberían documentarse: non existen as materias de Ximnasia (Educación Física) e Manualidades (refírense a Debuxo, Artes plásticas, Tecnoloxías...?); o de consideralas (xunto con Música) materias “menores” coméntase por si mesmo. Afirma o Club Financiero que até agora no ensino “existía un razoable equilibrio entre ámbalas dúas linguas”. Todos os estudos realizados indican o contrario. Segundo datos facilitados á Xunta polos Equipos directivos dos centros privados, o profesorado de Educación Infantil utilizaba só ou máis castelán nun 86´7% dos casos; na Universidade da Coruña unicamente o 10% dos profesores empregan o galego nas aulas no curso 2007-08. Era ese o “razoable equilibrio”? Tal vez o mesmo dos seus cadernos: 11 en castelán – 1 en galego/castelán (curioso que só utilicen o galego naquel que serve para atacalo).

PLURILINGÜES. Ao contrario do que vostedes pensan (e practican), os cidadáns que usamos o galego con normalidade non queremos “erixir ningún muro”. Aprender en galego non limita a ninguén para aprender outras linguas. A opción que defenden vostedes “serán os pais os que decidan en cal das dúas linguas oficiais deben ser educados os seus fillos, impartíndose a outra materia como lingua obrigatoria” xa foi aplicada en Euskadi. Resultado? Os nenos que aprenden en castelán non chegan a dominar o éuscaro. É máis, o profesor Ignasi Vila, catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, vén de analizar os resultados sobre coñecemento de castelán no alumnado de Aragón e Asturias. Os que asisten a clases de catalán (Aragón) e bable (Asturias) teñen mellor dominio do castelán que os que non asisten. As galegas e galegos somos uns privilexiados no conxunto da Península, pois os nosos nenos e nenas son os únicos que, grazas ao galego, poden dominar facilmente o portugués e, por tanto, como demanda a Unión Europea, seren cidadáns que dominan 2 idiomas da Unión case desde o seu nacemento. Isto debería favorecelo un Club que sinala entre os seus obxectivos apoiar “proxectos que afecten á actividade económica en Galicia e o norte de Portugal”. E para argumentar empiricamente a perfecta saúde e dominio do castelán do noso estudantado galego, deberiamos atender e difundir coa obxectividade que os estudos científicos outorgan os recentes resultados aos que se chegou na Universidade de Santiago de Compostela, publicados este mesmo ano no manuel Avaliación da calidade e innovación dos centros educativos, que conclúen textualmente o seguinte: “En canto aos resultados do termo medio dos escolares de Lingua Castelá e Literatura respecto aos do conxunto das Comunidades Autónomas de España son prevalentes (…) Destacan os escolares Galegos na comprensión lectora (…) e sobresae o alumnado de Galicia na Sintaxe e na Morfoloxía”. Onde está a suposta culpabilidade da lingua galega para anular a capacidade de aprender máis aló de si propia?

LINGUAS E PROGRESO. Non é certa a relación que estabelecen entre número de falantes e progreso económico. O español é lingua oficial en moitos países de América que son (por desgraza) moi pobres: Ecuador, Paraguai, Bolivia…; pola contra, países que segundo vostedes teñen linguas “minoritarias” son ben prósperos: Dinamarca (danés) e Finlandia (finés). Sirva como exemplo paradigmático o caso de Bélxica; a zona máis puxante economicamente é a zona flamenga (de fala neerlandesa) fronte ao “atraso” da zona valona (de fala francesa).

POLÍTICA EMPRESARIAL. Imaxinamos que estarán a favor de que os galegos e as galegas aprendan máis, e máis é, tamén, usaren e aprenderen o galego. Por iso, grandes empresas saben que unha correcta visión empresarial ten en conta a todos os posibles clientes e ofrecen máis; por exemplo, a compañía de seguros Mapfre. A citada compañía ofrece aos seus clientes a posiblidade de faceren o seu seguro na lingua que desexen das oficiais no Estado Español. Ter visión de futuro é sinxelo, barato, rendible e demostra sensibilidade con todas e todos os clientes. Unha sensibilidade e unha visión empresarial da que carece o seu Caderno.

4,68/5 (53 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Nado na Coruña en 1969, é profesor de Secundaria no CIP de Carral. »