Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Rodríguez Alonso

O galego dos nosos libros de texto

12:20 13/10/2008

Nestes días de comezo de curso fálase moito do galego no Ensino, do Plan de Normalización, da gratuidade dos libros de texto (non é tal, pois realmente pagámola todos), pero para nada se fala do proceso de elaboración de moitos destes libros e do tipo de galego que presentan.

As editoriais compiten en ofrecer non só libros para o alumno, senón todo tipo de materiais para o profesor, mesmo os colgan na internet. Pero como se elaboran moitos destes libros e materiais que invaden as nosas aulas?

Unha porcentaxe moi considerable destes libros e mesmo dicionarios  son traducións de orixinais casteláns (un dicionario moi utilizado por moitos dos nosos estudantes hai uns anos foi en primeira instancia unha simple tradución-adaptación do Anaya castelán. Iso si, ía autorizado como gran dicionario galego orixinal por un pope da filoloxía galega, que nin o leu). Así non é de estrañar que nos de Coñecemento do Medio se fale do bosque mediterráneo ou das secas que sofre España, sen citar para nada o bosque atlántico ou que na maioría de Galicia certamente a seca non chega a ser un problema grave.

Por outra banda, as traducións son feitas na maioría dos casos con présas e con persoal que non está adecuadamente formado para este labor, pois as nosas facultades de filoloxía ou escolas de tradución non forman de ningún xeito os alumnos para este tipo de traballos. Temos moitos filólogos, tradutores e ata aspirantes á elaboración de libros de texto que falan de xeito teórico encomiable dos bloques e áreas lingüísticas do galego ou de complicados conceptos de sociolingüística, pero que descoñecen o emprego das maiúsculas ou para nada lles soan os traballos terminolóxicos do galego. Así mesmo son incapaces de elaborar un sinxelo exercicio de lingua dirixido a primaria ou ESO.

Estes tradutores (pola experiencia que temos nós do asunto) adoitan ser xente que acabou a carreira hai pouco e que se mete a traducir sen a máis mínima preparación pedagóxica ou cun descoñecemento total da terminoloxía galega elemental de calquera ciencia, ben sexa humanística ou natural. Si saben moita dialectoloxía, historia social da lingua e trangalladas destas, pero moi pouca gramática normativa. E se a saben non son quen de a aplicar (fíxense nestes libros na case total desaparición do infinitivo conxugado, das formas connosco-convosco, do posesivo de pertenza exclusiva…).

Por non falar xa da pobreza na fraseoloxía.

O segundo tipo de tradutor é o tradutor de certa sona que, non obstante, subcontrata o traballo e non controla os subcontratados (cousa habitual no noso mundo filolóxico e abonda con ler a cantidade de postos que teñen algúns dos responsables, por exemplo, dos dicionarios académicos) co que os resultados aínda son peores. Famoso equipo de tradutores integrados nunha célebre facultade de filoloxía e tradución metían arreo o tradutor automático, correxían ás présas e así lles saían cousas como o aguia, o auga, o faia (polo el águila, el agua, el haya… casteláns…). Algúns destas traducións ata presentan cousas tan estrañas como números curmáns por números primos… Estas perlas non son estrañas nos libros de texto, se os lemos con atención. Así alguén traduciu los dos (nota musical) en música por os dous. Nalgún texto que pasou polas nosas mans recibido en directo para a revisión e procedente dun famoso equipo dunha facultade de filoloxía el haz de electrones que incide sobre a pantalla… aparece convertido no falo de electróns que incide sobre a pantalla. Nun libro de Historia a República de Salou italiana pasou a ser por arte do bendito tradutor automático a República de Salgou. O lleísmo nestes usuarios do tradutor automático toma carta de natureza e xa non os ven no cine senón que non lles ven no cine ou , poo rapaz cepíllase os dentes despois da comida, ponse o abrigo porque fai frío  que non vai… É dicir, xa non é nin castelagalego, senón máis ben madrigalego, pois sopran (no canto de sopran sobre) as velas (que non candeas) de aniversario.
Xa que logo, todos os erros do mal castelán que aparecen nos libros de texto casteláns pasan sen máis ao galego.

Por outra banda, a confianza no corrector ortográfico fai que os falsos amigos incen máis ca os mosquitos no verán. Non se distingue entre pobo e localidade, as habitacións acaban cos cuartos

Outro erro frecuente é o descoñecemento das propostas normativizadoras sobre léxico básico das ciencias. Por aí andan libros dunha famosa editorial, ata colgados na internet, onde se usa alxebraico, isósceles… sen saber que as propostas académicas son alxébrico, isóscele…

Tampouco ofrece axuda o labor da Academia, principal institución normativizadora. Así no dicionario do ano 90 impoñía largo (termo usadísimo en matemáticas desde a primaria) e non admitía ancho neste valor. Xa no dicionario do 97 ancho-largo son sinónimos sen preferencias nesta acepción matemática. Cando no 90 nós poñiamos largo nos nosos libros, recibimos moitos comunicados de mestres e profesores que dicían que iso confundía os rapaces, pois pensaban que largo tiña o mesmo valor ca o largo castelán… Como moitas das nosas autoridades académicas buscan o galego fácil, moito alivio houbo coa decisión académica do 97, sobre todo no eido do ensino privado.

Os dobletes académicos son especialmente graves (a lingua do ensino debe ser o máis estandarizada posible, especialmente nos termos científicos habituais) pois igual podemos dicir aparato/aparello dixestivo (aínda que o dicionario castelán-galego da RAG de 2004 –o último publicado por esta institución que normativiza por lei a nosa lingua- parece preferir aparato, pois é o usado habitualmente nos exemplos, o mesmo pasa co sinónimo largo-ancho), alcohol/alcol (coa perla de que o VOLGA admite o doblete, pero impón o h nos derivados)… Por non falar das inconsecuencias normativas. Así o enzima castelán, se seguimos os dicionarios académicos, é enzima e masculino, pero é encima e ambiguo no VOLGa. Mesmo nalgúns casos os dicionarios dunha mesma editorial non coinciden. Se seguimos o Dicionario de Dúbidas de Galaxia diremos aparello dixestivo, mais os dicionarios da lingua xerais desta mesma editorial prefiren aparato dixestivo. Claro que ambos os dous descoñecen a proposta normativa da RAG…

A indefinición da RAG é tal que nin sequera sabemos se os rapaces deben dicir Galicia ou Galiza e editorial houbo que na última disputa sobre o nome de Galicia, como temía perder cota de mercado na privada, decidiu na nova edición dun libro que reproducía un texto do Sempre en Galiza de Castelao pór no pé do texto só Castelao e suprimir o título da obra, non sexa que algún pai de Galicia bilingüe ou defensor da RAG se alporizase con ese Galiza tan de nacionalistas tolos. Claro que despois temos que ensinarlles que digan xustiza, diferenza… E as NOMIG do 2003 din que tan válidas son Galicia como Galiza, aínda que as anteriores do 82 e 95 dicían que o unico nome válido filoloxicamente era Galicia… Moito avanzou a filoloxía nestes anos…

Este descrédito da RAG leva que moitos tradutores e correctores ou ata dicionarios  desprecen o seu labor normativizador e ata nin o coñezan. Así pasa coa dobra académica que non despraza a pregamento, o xacemento que vence por maioría ao académico depósito… Pero non esquezamos que a Lei de Normalización Lingüística di que a única institución que pode normativizar é a RAG…

Ademais, todo o mundo pensa que pode normativizar, cando a institución que ten esa tarefa, guste ou non é a RAG. Despois de anos usando codia terrestre sae por aí un servizo normalizador dunha universidade galega dicindo que hai que empregar custra terrestre… Cousa de tolos… O que hai que facer é esixirlles dunha vez á RAG e institucións conexas (como o ILGa e o Ramón Piñeiro) que controlan a RAG que cumpran co seu deber, porque nos custan moitos cartos a todos os galegos… Un bo dicionario académico e unha boa gramática descritiva-normativa deben ser traballos prioritarios e non gastar tantos cartos en investigacións que só son do agrado do mandarinato académico universitario que, con iso da autonomía, ninguén controla. Impresentable é que un servizo como o de terminoloxía da Universidade de Santiago, que pagamos todos cos nosos impostos, non sexa de acceso libre, senón só accesible ao persoal desa universidade… Esta é a universalidade da nosa universidade… Endogamia de novo.

Claro que hai unha cousa que é certa. O galego dos libros de texto obedece a ese tipo de galego fácil que máis ca galego é castelgalego, pero que contenta a sectores moi importantes da sociedade galega, como as autoridades educativas  dos partidos de ámbito nacional e ata membros da propia RAG, especialmente os que confeccionan estes dicionarios e gramáticas en que todo vale… e que iso si, esixe un mínimo esforzo de aprendizaxe para profesores, alumnos e funcionarios en xeral. E ben sendo así desde a Lei Xeral de Educación de Villar Palasí, que propuña un chisco de galego no ensino, pero iso si, galego fácil ou castelgalego.

4,46/5 (76 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Rodríguez Alonso naceu na Grova (Ribadavia) en 1952. Estudou en Santiago e exerce como profesor de galego na Facultade de Filoloxía da UNED. É autor de obras coma o "Dicionario crítico de dúbidas e erros" e tamén elabora desde os tempos da transición materiais para o ensino do galego, coma "O galego correcto" ou "O galego do uso". »



Anteriores...