Dentro dos ataques que nestes meses se veñen facendo contra o galego por parte da dereita e especialmente do PP, destaca un informe sobre a política estandarizadora e normalizadora do galego que se desenvolveu nestes últimos trinta anos, da autoría de Andrés Freire, presentado como filólogo clásico e profesor de lingua e literatura españolas, e que viu a luz en FAES, a sociedade de estudos do PP, que preside Aznar.
O devandito artigo comeza por sinalar que o monolingüismo é o habitual no mundo, onde unha lingua ou variedade máis culta, mellor, máis apropiada aos tempos… se estende á conta das linguas que non foron quen de adaptarse á modernidade. Descoñece o devandito autor que o normal no mundo non é a uniformidade lingüística, senón a variedade e que cómpre loitar por manter esta variedade lingüística, que non é excluínte coa existencia dunha lingua universal de comunicación. Por aí van as novas tendencias, que alguén nomeou ecoloxismo lingüístico. Se non odiase tanto o galego, D. Andrés Freire podería informarse sobre isto lendo os marabillosos ensaios e estudos que acerca do tema publicaron filólogos galegos como Xosé Henrique Costas ou Teresa Moure.
A seguir, caracteriza o galego estándar como neolingua, que foi inventada polos filólogos do ILGa e ata di, usando de xeito tramposo unha cita, que é obra dos filólogos Antón Santamarina e Manuel González. Segundo o autor, do galego, antes desta neolingua inventada, só existía un feixe de variantes dialectais e mesmo sociais. Aquí si que amosa a súa ignorancia, tanto o autor, como os que admitiron este artigo. Unha das características do galego (subliñada precisamente por membros da escola lingüística española, nada favorables por certo á normalización do galego, como García de Diego ou Zamora Vicente) é a súa fundamental unidade, que se ve case como un milagre, despois de séculos de ser unha lingua sen norma, gramáticas nin dicionarios. Por outra banda, se D. Andrés Freire lese a Dialectoloxía de Fernández Rei comprobaría isto que estamos a dicir. Por certo, segundo o gran dialectólogo e filólogo español e españolista, Zamora Vicente, os estudos da dialectoxía galega resultan modélicos no ámbito románico…
Xa botando a lingua a pacer, Freire asegura que, antes do actual proceso normativizador e normalizador, o galego só sobrevivía como lingua rural e propia dos analfabetos. Descoñece así todo o pasado literario medieval, o Rexurdimento ou mesmo o labor modernizador da época Irmandades-Nós e para el non existen nin a revista Nós nin o Seminario de Estudos Galegas ou o labor que se desenvolve despois da Guerra Civil por Galaxia, Castrelos, Nova Narrativa Galega etc., en canto á modernización da lingua galega.
Menos desperdicio ten o exame da elaboración das NOMIG. Seica son obra de gabinete dos dous filólogos do ILGa, xa citados. Evidentemente, o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega vén asinado por estes dous filólogos, mais, como eles mesmos contan, vai precedido dun labor colectivo de moitas persoas, andou en versión non venal durante varios anos, desde o 98 ata o 2004, en que se publica en libro, coas achegas e cambios que a realidade e as opinións dos usuarios aconsellaron. Foi, ademais, examinado e autorizado pola institución que. segundo a vixente Lei de Normalización Lingüística, é responsable da normativización do galego, a RAG.
Falar de laboratorio nas NOMIG é, así mesmo, ignorancia supina. As NOMIG non xorden do nada en 1982. Aínda que cativa, hai unha tradición lingüística galega, iniciada xa no XVIII por Sarmiento e outros ilustrados, continuada por Pintos en La gaita gallega e que ten a súa mellor expresión, no Rexurdimento, na gramática de Saco e Arce. Esta tradición estandarizadora, coas súas disputas e todo (como, por outra parte, aconteceu no propio castelán ata que a RAE estableceu as súas normas), vai callar en certa medida nas Normas do SEG, dos anos trinta. Herdeiras delas serán as normas internas de Galaxia ou as da RAG de 1971. A definitiva estandarización do galego, gústenos ou non, acadarase grazas ao labor do ILGa a partir dos manuais Galego 1, 2, 3, de 1972-1974. Debe informarse Freire de que as NOMIG de 1982 son produto das famosas Bases de 1976, en que estiveron implicados practicamente todos os sectores relacionados co galego. Claro que houbo disputas sobre o modelo estándar, pero iso aconteceu e acontece en todas as linguas, mesmo nas que teñen máis tradición normativizadora. O propio castelán, se lemos, o seu Diccionario Panhispánico de Dúbidas, propón agora como normativas solucións impensadas hai poucos anos, precisamente como resultado das polémicas suscitadas polo modelo de castelán que se desexa.
En canto a que o galego estándar sexa unha neolingua inventada no ILGa cómpre dicir que todas as linguas estándar son de laboratorio en certa forma, pois os estandarizadores elixen entre as diferentes posiblidades as que lles parecen mellores de acordo cuns criterios previamente establecidos. Iso tamén o fixo a Real Academia Española, que, por exemplo, no XVIII fronte a pronuncia vulgar dino, dotor…, defendida por Valdés ou usada polos clásicos do Século de Ouro, optou polo latinismo digno, doctor…, proposta polos defensores do etimoloxismo latinizante. Un falante de Andalucía non realiza en moitos aspectos a variante estándar, pois non ve reflectido o seseo, a perda do –s, a nova oposición de plural pola perda do –s entre vogais abertas e pechadas… Como ben sinalou alguén tan pouco sospeitosos para os españolistas como Gregorio Salvador, a Real Academia Española elixiu a variante norteña para estandarizar, aínda que fose máis extensa xeográfica e demograficamente a meridional, porque gozaba de máis prestixio social a norteña. Os falantes de Madrid sen instrución formal abonda din la ha pegao una bofetá ou chámanlle taruguete ao normativo supositorio. Se seguimos a Freire, o castelán estándar é, xa que logo, un invento da Española, pois amplos sectores do pobo castelanfalante, da Penínxula e de América, non o empregan.
Volvendo ás escollas das NOMIG, esteamos ou non de acordo con elas, apóianse no coñecemento do galego vivo a partir das investigacións e enquisas que sobre o galego realmente falado fixo o ILGa para elaborar unha obra considerada modélica no ámbito da filoloxía románica, o Atlas Lingüístico de Galicia.
Como parvada suprema engade Freire que o galego do Rexurdimento é un galego poético algo artificioso. Que o obriguen canto antes a ler os textos de Rosalía e Curros e algún estudo sobre a lingua destes autores!
En canto á imposición do galego no Ensino non universitario, repite que se está a botar fóra das aulas. No mellor dos casos, só un 50% das materias se imparte en galego… Por outra banda, se lese o informe da Universidade de Vigo sobre o galego nas aulas vería que este decreto do 50%, só se cumpre nun 25% de centros. Tamén debería ler a actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, para decatarse de que se algunha lingua está en perigo é o galego e non o castelán.
Para rematar, eu que non son sospeitosos de botarlles gabanzas ao ILGa e á RAG (ao día de hoxe non contamos aínda cunha ortoloxía nin gramática académicas, os dicionarios son incompletos, abundan as inconsecuencias –agora andamos ás voltas co uso da coma antes de etc., pois as NOMIG suprimen no seu texto esta coma, mentres se usa no último dicionario publicado pola RAG…), teño que sinalar que o ataque que lles fai, sobre todo ao ILGa, é totalmente inxusto e desinformado. Con todas as eivas que queiramos, o ILGa e a RAG proporcionáronnos unha normativa que se basea no galego real, a partir das enquisas do Atlas e do baleirado de centos de obras literarias medievais e contemporáneas, feitos en moitas ocasións de forma case heroica por investigadores do ILGa, como o propio González, Álvarez Blanco ou Fernández Rei para o Atlas.
Malia o cativo dos dicionarios académicos e das tachas que lle poidamos apoñer ao VOLGa ou ás NOMIG, non serían posibles a edición de libros de texto e materiais para o ensino, o xornalismo en galego, a Administración en galego, en definitiva, o uso do galego nos rexistros considerados elevados, sen estes instrumentos.
En canto ás liortas entre diferentes tendencias estandarizadoras, non hai tal. As discusións sobre o modelo de lingua ou lingua estándar, existen en todas as linguas, así como as críticas ao labor das academias (a Española recibe non poucas).
Aínda coas críticas que poidan existir ás institucións estandarizadoras e normalizadoras, ninguén do ámbito profesional da filoloxía profesional galega pon en dúbida desde o comezo dos anos setenta do pasado século a necesidade da normalización do galego para evitar a súa desaparición e tamén existe no ámbito non só da filoloxía, senón en todos os medios onde a lingua é un instrumento de traballo, un consenso sobre o modelo de galego desexado para o estándar, que parece ben definir como galego identificado. A discusión sobre este modelo enriquece a lingua.
A opción lusista ou reintegracionista non supón ningún problema, pois, á parte de superminoritaria, non propón de feito unha nova normativa, senón simplemente a adopción da do portugués, á que calquera galego accede sen realizar un grande esforzo, como pode pasar coa de calquera outra lingua romance. Aconsellamos a lectura de Teresa Moure sobre o interlingüismo e o seu desenvolvemento no Ensino.
Desde aquí, sinalo que xa está ben de que o galego reciba ataques de persoas e institucións indocumentadas e sen unha mínima formación en filoloxía galega. O Consello de Cultura Galega, a propia RAG, o ILGa, as facultades de filoloxía galegas… debían expresar a súa opinión e pór no seu sitio a estes filológos afeccionados que só presentan falsidades científicas co obxectivo de que o galego desapareza de Galicia e que o castelán sexa lingua única. Cumpriría un congreso a prol do galego para desmitificar estas falacias lingüísticas, que, de tanto repetilas a dereita indocumentada, pseudolingüistas e os seus medios xornalísticos afíns, de Galicia e de fóra de Galicia, chegan a pasar por verdades e son consideradas como tales por quen non é filólogo profesional, sobre todo polo silencio de institucións, como as citadas anteriormente, que se debían implicar máis na defensa do galego, pois para iso existen e viven dos nosos impostos e teñen como principal obxectivo a defensa, protección e dignificación de linga galega e da cultura que nela se expresa.
Manuel Rodríguez Alonso naceu na Grova (Ribadavia) en 1952. Estudou en Santiago e exerce como profesor de galego na Facultade de Filoloxía da UNED. É autor de obras coma o "Dicionario crítico de dúbidas e erros" e tamén elabora desde os tempos da transición materiais para o ensino do galego, coma "O galego correcto" ou "O galego do uso". »