Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafa Villar

Empresarios autóctonos e lingua: outra vaca no millo

09:55 22/12/2008

Semella que cada certo tempo diferentes representantes do ámbito empresarial galego teñen como encomenda botar a lingua a pacer e, coa mesma, esbardallan que dá gloria sobre se o galego isto ou se o galego aquilo. No seu entendemento, a lingua de Galiza é sempre un atranco, mais non un atranco para levar os seus produtos e mercadorías a un case sempre hipotético mercado global. Non, non vai por aí. Ao seu ver, é un atranco, seica, no chamado mercado interno galego.

Desta volta, o polo que se ve case mártir da ben coñecida “imposición do galego” resulta ser o máximo responsábel da Federación Galega do Comercio, José María Seijas (para o tal fulano debe ser tremendo cargar cun apelido que lembra con total clareza a deturpación lingüística que o españolismo levou a cabo sobre o patrimonio toponímico e antroponímico do país!). E a razón hoxe esgrimida está no borrador da Lei de Ordenación do Comercio Interior, por mor do artigo “Dereitos lingüísticos das persoas consumidoras” contemplado no seo do anteproxecto desta Lei. Xa con anterioridade a propia Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) se manifestara en contra do devandito artigo nas discusións habidas no Consello Económico e social de Galiza (CES) arredor desta Lei.

O artigo en cuestión, o número 8 do Anteproxecto da Lei de Ordenación do Comercio Interior de Galiza, declara na súa literalidade o seguinte:

Artigo 8. Dereitos lingüísticos das persoas consumidoras
1. O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos das persoas consumidoras. Ninguén poderá ser discriminado ou atendido incorrectamente por razón da lingua oficial empregada.
2. A sinalización, os carteis informativos e os documentos de oferta de servizos para as persoas consumidoras dos establecementos abertos ao público deben ser redactados, ao menos, en galego. Esta norma non se aplica ás marcas, aos nomes comerciais e aos rótulos amparados pola lexislación da propiedade industrial.
3. Os poderes públicos galegos garantirán o exercicio dos dereitos establecidos nos parágrafos anteriores e, para tal fin, prestarán todo o asesoramento que, no seu caso, for preciso.


Como se ve, unha redacción respectuosa (a algúns mesmo nos parece cándida), da que é difícil inferir un carácter impositivo (por outra parte, que lei non o é en si mesma?) e que está acorde tanto co disposto na lexislación española vixente en materia lingüística como con desenvolvementos normativos doutros territorios con lingua propia, como Euscadi ou Catalunya.

Mesmo se se quere ir unha miguiña máis alá, só habería que lembrar o que se contempla ao respecto na Declaración Universais dos Dereitos Lingüísticos, ratificada no seu día tanto polo Congreso dos Deputados español como polo Parlamento de Galiza:

(Sección VIª. Ámbito socioeconómico)
Artigo 50
1. Toda comunidade lingüística ten dereito a unha presenza predominante da súa lingua na publicidade, na rotulación, na sinalización exterior e no conxunto da imaxe do país.
2. No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a obter na súa lingua unha información completa, tanto oral como escrita, sobre os produtos e servizos que propoñen os establecementos comerciais do territorio, como por exemplo as instrucións de uso, as etiquetas, os listados de ingredientes, a publicidade, as garantías e outros.
Artigo 51
1. Todo o mundo ten dereito a usar a lingua propia do territorio nas súas relacións coas empresas, establecementos comerciais e entidades privadas e a ser reciprocamente atendido/a e correspondido/a nesta lingua.
2. Todo o mundo ten dereito, como cliente, consumidor ou usuario, a ser informado, oralmente
ou por escrito, na lingua propia do territorio nos establecementos abertos ao público.


Ademais do dito, a realidade diaria é que nesa actividade económica, a do comercio, o galego aínda está lonxe de acadar o estatus que lle correspondería xa non só por ser o idioma propio de Galiza, senón tamén polo seu predominio como lingua máis utilizada polas cidadás e cidadáns galegos, cidadáns que ven sistematicamente vulnerados os seus dereitos como consumidores e/ou usuarios.

Infelizmente, este non é un capítulo pechado, posto que esas posturas e actitudes contrarias a calquera desenvolvemento social da lingua galega non son excepción no tecido empresarial do país. É máis, case son norma, e fronte a iso só cabe unha maior implicación dos que apostamos por facer do galego a lingua común das nosas vidas. Ah, e os que teñan responsabilidades institucionais (que os hai) que non dean nesta cuestión, na da lingua, nin un pasiño atrás, nin sequera para coller impulso. Xa llelo daremos outros, desde outros ámbitos, se fai falta.

4,36/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafa Villar

Rafael Villar naceu en Cee en 1968. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, foi cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras da Cal. »



Anteriores...