A emigración volve ser tema de debate entre os galegos. Foi un dos nosos sinais de identidade: a idea que tiñamos de nós era de que eramos un país de emigrantes, un país do que había que marchar porque non se podía vivir nel.
É unha idea terribel, mais a nosa identidade, a idea que temos de nós está feita de cousas abondo terribeis. Non ficou clara aínda bastante que a nosa emigración foi un exilio, quero dicir que ese marchar da Terra non foi voluntario na súa maior parte, foi forzado pois o noso era un país no que un non se podía gañar a vida e porque era unha sociedade afogada e afogante tras o golpe de estado do 36 que desencadeou a guerra. Así pois, foi exilio, foi consecuencia dunha causa política: a opresión histórica do noso país que o condenou ao atraso, isto agudizado nos anos do franquismo.
A emigración deses anos, especialmente a emigración á América do Sur, foi recuperada para a nosa memoria, para a nosa imaxinación pola anterior administración autonómica, especialmente polo señor Fraga Iribarne. E así os galegos que vivimos na Galiza volvemos ver na televisión cada día imaxes dos nosos paisanos e parentes de alén mar, persoas que escaparan da crise do noso país e que agora padecían a crise do seu novo país, a Arxentina, Uruguay…, que os acollera. Isto debeuse a que, quen o había dicir, eses gobernantes comezaban a traer de alí unha materia prima moi valiosa, a materia prima que goberna a democracia: os votos. De alí empezaron a vir votos a sacos e carretadas. Non se sabía moi ben como era pero case todos eran favorabeis ao señor Fraga Iribarne. E tanto entusiasmo había que até votaba xente que xa morrera había anos. Esa imaxe da emigración empobrecida e baixo graves problemas era real, outra cousa era como era utilizada pola dereita para manterse no goberno, mais así e todo seguía a ser unha imaxe ben triste: outro retrato do noso fracaso colectivo. Fracasamos cando tivemos que emigrar e fracasamos tamén aló na emigración. Parecía cousa dun destino fatal.
Pertenza a un lugar
Hoxe o noso país segue a exportar xente, a emigración aínda segue, aínda non hai traballos ou traballos atractivos para a nosa xente. Na Galiza non nacen meniños, aínda non nos demos botado fóra dese ciclo no que o país se desangra e perder poboación. Mais coido que vai ser unha final de ciclo e que xunto a esa emigración que aínda existe está a nacer xa un fenómeno novo, hai un espacio polo mundo de galegos e galegas que teñen preparación, estudos, profesións, que falan idiomas, xente tan preparada como a xuventude dos países máis desenvolvidos. Esas persoas teñen os instrumentos para poder vivir e integrarse neses países e mesmo están satisfeitos de o facer, mais queren ter dobre nacionalidade: queren seguir a ser galegos e galegas. Ou mellor, queren ser galegos dun modo máis efectivo que os que vivimos no país. Estando fóra comprenden que a pertenza a un lugar e a unha colectividade é algo valioso e queren que iso, seren galegos, sexa unha parte do seu destino.
De modo que asistimos ao nacemento dun novo modo de ser galegos, un modo moi contemporáneo, pois o máis contemporáneo nas cidades feitas de xente chegada de todas partes é manter un lazo coa orixe. Integrarse no novo lugar e, ao tempo, manter unha liña aberta de comunicación informativa, afectiva e práctica co país de orixe. Pouco e pouco habemos comprender que a identidade persoal é un ben valioso e tan necesario como vestir ou comer, e neste mundo globalizado a cada vez vai ser máis estimado. E, naturalmente, os medios de manter o vencello co país de orixe son as tecnoloxías do noso tempo, e as que virán, tanto os voos máis baratos como a Rede. Internet é o que permite armar os fíos individuais nun espacio común: esa diáspora de novos cidadáns. Cidadáns sen territorios que queren, máis que antes, pertencer á Terra.
Xesús de Toro Santos naceu en Santiago en 1956. É licenciado en Arte Moderna e Contemporánea e leva publicados máis de vinte libros de narrativa, ensaio e teatro. »