Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Suso de Toro


Suso de Toro

Xesús de Toro Santos naceu en Santiago en 1956. É licenciado en Arte Moderna e Contemporánea e leva publicados máis de vinte libros de narrativa, ensaio e teatro.

Suso de Toro é considerado unha das voces máis renovadoras da literatura galega, desde que en 1986 publicou en Xerais Polaroid, un libro de relatos que recibiu o Premio da Crítica de Galicia. Logo virían as novelas Land Rover (1988), Ambulancia (1990), Tic-Tac (1993), Premio da Crítica Española en 1994; A sombra cazadora (1994); Conta saldada (1996), Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor daquel ano, e Non volvas (2000), Premio da Crítica Española. O último galardón que recibiu foi o Premio Nacional de Literatura 2003 por Trece badaladas, novela que foi adaptada ao cine por Xavier Villaverde.

O escritor compostelán tamén traballou de guionista de televisión e é colaborador habitual de prensa e radio. Durante tres anos desenvolveu na rede o proxecto Botella ao mar, unha especie de bitácora na que escribía sobre os máis variados temas.

Durante a catástrofe do Prestige, Suso de Toro desenvolveu unha intensa actividade pública no seo da plataforma Nunca Máis e as súas crónicas sobre o que estaba ocorrendo en Galiza foron requeridas pola prensa estatal e recompiladas máis tarde no libro Nunca máis Galiza á intemperie. A súa obra máis recente é Españois todos, un ensaio sobre nación e cidadanía.