E quero facer uso da miña liberdade de expresión para entregar un feixe de ideas que deambulan nos meus miolos dende hai varios lustros e que se reactivan ao contemplarmos, e padecermos, certas campañas electorais, etnófobas por certo e deseñadas dende o reino da trasumancia, que cando menos coliden ou colidiron directamente co articulado no Estatuto de Autonomía de Galicia e coa propia Constitución Española.
Este ditado de motivos, breve, non merece moitas máis precisións se o enmarcamos dentro do contexto histórico do noso pobo, o galego por certo, do que a súa carta estatutaria, para nada ambiciosa cando menos nestes tempos, di que Galiza é unha nacionalidade histórica que se constitúe en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno (art. 1.1). Evidentemente poderíase opinar moito sobre este e outros puntos do articulado, mais de principio, salta á vista o emprego do eufemismo “nacionalidade histórica” co obxecto de contentar a algúns nacionalistas daqueles tempos da posditadura e, para nada, bater de fronte coa Constitución Española que (art. 2) achega que só hai unha única nación no estado (idea por certo que emana das concepcións capitalistas e dos proxectos napoleónicos e borbónicos derivados logo da Revolución Francesa). Como se pode dicir que “la Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles” e, paralelamente, recoñece e quere garantir “o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre elas”?. A partir desta declaración emanan varios puntos claves para continuar sen entender este estado de ambiguidades. Non se pode afirmar a existencia dunhas nacionalidades se estas non xorden de diversos pobos, e polo tanto nacións; dito noutras verbas, non hai nacionalidade sen nación, así como non pode haber unha única nación se existen varias nacionalidades. No entanto, o que si se entendería é a existencia dun Estado plurinacional. Como di o Beiras, “ou se é ou non se é nación, non hai termo medio”.
Pero analicemos o concepto nacionalidade a nivel lingüístico-filolóxico botando man do dicionario da RAE, por iso de que asemella moito máis útil este catálogo de voces castelás (esperpento que arrebolan algúns) có doutros idiomas existentes na península, ou cando menos no estado. “Nacionalidad. f. Condición y carácter peculiar de los pueblos y habitantes de una nación. 2. Estado propio de la persona nacida o naturalizada en una nación. 3. Esp. Comunidad autónoma a la que, en su Estatuto, se le reconoce unha especial identidad histórica y cultural. 4. Esp. Denominación oficial de algunas comunidades autónomas españolas”. E no que atinxe ao termo nación asegura: “(Del lat. Natio, -onis). f. Conjunto de los habitantes de un país regido por el mismo gobierno. 2. Territorio de ese país. 3. Conjunto de personas de un mismo origen y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común (...)”. Polo tanto, amparándonos no que entrega este dicionario podo asegurar, sen crear unha fenda identitaria no meu ser, que a miña nación e o meu país son o mesmo, Galiza, e que España (cando menos até agora), non vén a ser outra cousa que o estado que goberna –dende a súa óptica– e controla –dende o seu poder– a miña nación. Alén disto, eu acredito máis no que di a nosa Academia Galega, que para nada me gusta que use aínda hoxe o termo real, cando o real olla de esguello as linguas dos arrabaldes cortesáns. Así as cousas, e de atendermos á ius sanguinis e á ius solis, eu son galego de nación, natural da freguesía dos Baños de Cuntis e a capital do meu país é Compostela –como dicía un antepasado meu, polo ano 1720, á hora de dar conta das súas últimas vontades. El fixérao nos termos que seguen dende a vila madrileña de Yuncler, en plena época do borbón Felipe V: “(...) yo, Francisco de Ocampo, de nazión gallego, natural de la villa de Santa María de Truanes, del arzobispado de Santiago (...)”.
Verbo do insinuado na Constitución Española, distínguense dúas categorías administrativo-político-territoriais dentro do propio estado: as nacionalidades (en plural) e as rexións. Polo tanto existen unhas características intrísecas naqueles territorios que as diferencian de estoutros e que, evidentemente, han ser de tipo cultural e político. No entanto, para resolver os conflitos territoriais, identitarios... os que cortaron o pastel autonómico da España daquel tempo, non souberon deseñar un estado federal que albiscase os conceptos político-administrativos do medievo alemán (nas orixes e consolidación da Liga Hanseática), ou da modernidade dos Países Baixos (“Unión de Utrecht”). Hoxe exemplificase en Bélxica (Koninkrijk België), ou nas articulacións territoriais máis xustas ou menos da Arxentina, Canadá, México, Nixeria... Tampouco se enxergou –faltaría máis– un pacto ou foedus confederal, idea agromada na civilización grega coas antigas Ligas de Delos, Aquea e Etolia, e que teñen unha reflexión actual, nomeadamente, nos 16 Länder (ou estados) de Alemaña e tamén nos 23 cantóns ou estados suizos (Confedazium Helvetica). No entanto, exiten estruturas político-administrativas que lle dan aos territorios que as conforman a designación de estados, mais a nación é a unión de todos eles (atribución errada): EE.UU., Malaisia, India, Venezuela, Australia...
En España, así as cousas, quedou despois da ditadura todo enleado, con flocos por todos os lugares do mapa estatal, como caixón de xastre que é, e para nada se resolveron os problemas existentes, senón que quedaron moitísimo peor que durante a II República. Mais curioso tamén é que a propia Constitución, a de todos os españois e españolas, non dea conta de cales si son nacionalidades e cales unicamente rexións. Velaí o paradoxo, a ambigüidade; formula pero non precisa, afirma pero non confirma. Ademais, para o estado español, a miña nacionalidade (e por extensión nación) non posúe nome, só sabe que existe, quizais, como dixera Xohán Xesús González polos anos trinta do século pasado, no que deu en chamar os Balcáns Ibéricos...
*O título completo do artigo é: "A nacionalidade sen nome. Cuestión de nacenza e de nación"
Nacido n'O Baño(Cuntis) en 1974, é titulado en Enxeñería Naval pola Universidade da Coruña. Ten publicado o ensaio Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (Laiovento, 2008) ademais de numerosos artigos e traballos en diferentes medios. »