Un concurso público determinará que empresa xestionará todas as comunicacións entre os centros de saúde e os hospitais.
Consello da Xunta do 30 de marzo, coa conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, en primeiro termo / Foto: Ana Varela
Os hospitais e centros de saúde van estar comunicados entre si por unha rede de datos máis rápida. O Consello da Xunta do xoves 29 aprobou un investimento de 28,4 millóns de euros na mellora dos servizos de telecomunicacións de Sanidade e do servizo galego de saúde. A adxudicación tramitarase a través dun concurso aberto.
As cinco redes que existían até agora (datos, telefonía fixa, móbil, buscapersoas e internet) unificaranse nunha soa. O novo contrato haberase de asinar antes do mes de xullo, pois o actualmente en vigor remata o 30 de xuño. O prazo de execución será de tres anos. Na actualidade, a rede dá servizo a 30.000 profesionais en 407 centros de traballo por medio de 1.039 circuítos e 1.213 equipos de telecomunicacións.
Interconexión máis rápida
A mellora do servizo tamén se debe ás novas necesidades que van supoñer os proxectos de historia clínica electrónica e de imaxe dixital. A rede actual ten un largo de banda de 9 xigabits por segundo, que se incrementarán até 76 mediante o uso da tecnoloxía DWDM.
Os centros de saúde e os hospitais poderanse conectar entre si e intercambiar datos de carácter clínico e administrativo cun cen por cento máis de velocidade. Así mesmo, unha rede de telefonía IP permitirá a comunicación interna sen custo entre Sanidade e o Sergas, cun aforro de máis de 270.000 euros ao ano. Ademais, renovaranse os equipos obsoletos, implantarase un servizo de información aos usuarios por SMS e cuadriplicarase o largo de banda da web sergas.es.
Mellores condicións en Urxencias
O Consello tamén aprobou un acordo cos sindicatos para mellorar as condicións de traballo dos médicos de urxencias do Sergas. Segundo este documento, a xornada ordinaria mínima será de 1.430 horas efectivas anuais e a xornada complementaria non pasará das 48 horas semanais.
O Goberno pretende que no mes de abril todas as rutas de transporte escolar que precisan de acompañante conten xa con el, co que se adianta un curso ao obxectivo que marca a normativa. Á volta das vacacións de Semana Santa, 2.104 rutas terán acompañantes. O investimento será de 15 millóns de euros anuais.
No Consello da Xunta do xoves 29 tamén se marcaron os criterios de calidade para a implantación dos estudos universitarios oficiais de posgrao, de cara á adaptación do sistema galego no espazo europeo de educación superior. Por outra banda, autorizou unha liña de subvencións de máis de 300.000 euros para que os concellos desenvolvan programas de promoción e formación a prol das mulleres.