Touriño e Quintana aproban na valoración de líderes e Feijoo ten unha puntuación de 4,26.
A Secretaría Xeral de Análises e Proxeccións, dependente de Presidencia, presentou este mércores a sondaxe denominada “Clima Social de Galicia” no que se asegura que os socialistas serían a forza política máis votada en caso de que houbese unhas eleccións. A Xunta realizou 2.000 chamadas telefónicas no mes de marzo para elaborar a enquisa. Segundo a mesma, o 23,7% das persoas seleccionadas aseguraron que votarían ao PSdeG, un 17% ao PPdeG e un 12,4 ao BNG. Máis dun 25% subliñaron que aínda non decidiran o seu voto. No anterior estudo elaborado polo mesmo departamento en outubro do ano pasado os resultados era 26, 16,5 e 12,3.
Segundo o informe, un 49,8% dos galegos aproban a xestión do bipartito. Aínda así, o goberno perde case cinco puntos de apoio con respecto á enquisa de hai cinco meses. Un 32% suspenden a xestión de socialistas e nacionalistas no executivo. No que se refire á valoración dos líderes políticos, Touriño recibe unha nota de 5,73; Quintana 5,22; e Núñez Feijoo un 4,26.
En canto ao sentimento nacional, un 63,1% dos cidadáns afirman sentirse tan españois coma galegos; un 16,9 máis galegos ca españois; un 6,5 só galego; un 5,8 máis español ca galego; e un 5,7 só español.