Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sobre o dereito dos cidadáns a escoitar as posicións dos líderes

Debates Creative Commons e debates imposíbeis

Nos EUA, a CNN decidiu que os seus próximos debates entre políticos estean na rede baixo licenza libre. En Galiza, o BNG asegura que a TVG recibiu instrucións "para censurar calquera alusión á ausencia de Touriño dun debate este luns".

Redacción - 15:00 07/05/2007

"O sectarismo chegou ao estremo de que desde instancias directivas da CRTVG se deron instrucións concretas para que nos informativos non houbese ningunha alusión a esta información, nun estilo que lamentabelmente remite ás practicas censoras que foron norma durante os 16 anos do goberno do PP". Esta denuncia, realizada polo BNG durante a fin de semana, refírese á ausencia de referencias nos informativos da televisión pública á polémica pola ausencia de Emilio Pérez Touriño do debate que este luns pretendía xuntar na TVG os líderes das tres principais formacións políticas.

Finalmente, aínda que polo BNG asistirá o seu voceiro nacional e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, por parte dos outros dous grupos con representación parlamentaria, PPdeG e PSdeG, estarán respectivamente o secretario xeral, Afonso Rueda, e o secretario de Organización e conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

Desde o Bloque solicitarán a comparecencia do director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, no Consello de Administración da compañía "para que explique por que os medios de titularidade pública non deron conta, nos seus servizos informativos, do emprazamento feito por Anxo Quintana a Touriño e Feijoo para que tomasen parte no debate programado pola TVG para este luns 7 de Maio". Os nacionalistas din que o acontecido é exemplo "dunha política informativa sectaria e tendenciosa, sempre dependente dos intereses e da axenda informativa do presidente do Goberno galego".

Mentres, nos EUA: debates Creative Commons
Con máis costume de ver a seus líderes políticos debater con toda normalidade nos medios de comunicación, onde por exemplo non se entende campaña para as presidenciais sen varios enfrontamentos directos diante das cámaras entre os principais candidatos, nos Estados Unidos chega outra innovación.

Aproveitando os debates entre os candidatos na carreira presidencial de 2008, varios blogueiros e candidatos pediran que estes eventos, independentemente do medio onde se producisen, foran liberados na rede baixo licenza de libre uso. Esa posibilidade fora rexeitada no seu momento pola canle MSNBC, que se limitou a proporcionar pequenos clips. Agora, a CNN, que nas próximas semanas será escenario de debates entre os candidatos que compiten nas primarias do Partido Republicano, anunciou que estes arquivos audiovisuais van estar despois a disposición de todos os internautas, ampliando así a súa potencial audiencia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: