A documentación procedía do departamento de Urbanismo e da Casa da Cultura.
Mapa das parroquias de Gondomar
A política do goberno en funcións de Gondomar semella de terra queimada. O líder do BNG local e posíbel alcalde, Antonio Araúxo, denunciou publicamente esta cuarta feira que operarios do consistorio andiveron queimando centos de papeis.
Araúxo explicóulle a Vieiros que el mesmo foi testemuña dos feitos: “Vin como sacaban camionetas con papeis da Casa da Cultura e das dependencias de Urbanismo”. Posteriormente, os mesmos operarios procederon a queimar a documentación.
O concelleiro do BNG presentou de inmediato un escrito para solicitarlle unha explicación ao alcalde provisional, Carlos Silva (PPdeG). Segundo a versión deste último, non se queimou ningún documento de importancia e trataríase só dunha “limpeza” de publicacións.
O feito vólvese máis sospeitoso debido a que os populares perderon o pasado domingo a maioría e todo apunta a que o BNG, que ten sete concelleiros, poderá gobernar o consistorio co apoio do catro do PSdeG. Por riba, toda a documentación procedía das sedes de Alexandre Gómez e Xosé Luís Mosquera, dous concelleiros que foron detidos hai pouco por unha suposta trama urbanística.