O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión deste xoves, a modificación de dous proxectos de lei para regular a situación dos ex presidentes.
A reforma da Lei do Consello Consultivo distingue entre membros electivos e natos no Consello Consultivo de Galicia: esta última figura créase co fin de que se poidan incorporar voluntariamente os ex presidentes. Tamén se limitaría a duración do mandato en función do tempo durante o cal desempeñaron o cargo de presidente: será de seis anos cando o presidente da Xunta exercese como tal durante catro anos ou menos, e de doce anos se foi máis dunha lexislatura. Porén, os mandatos non serán renovábeis, de non seren os membros natos nomeados conselleiros electivos. No Estado e noutras comunidades, a condición de conselleiro nato ten carácter vitalicio.
Por outra banda, para garantir a independencia dos membros natos no exercicio das súas funcións, non poderán ser electores nin elixíbeis ao cargo presidentes do Consello Consultivo de Galicia, nin terán voto - aínda que si voz- para emitiren os ditames preceptivos. Para poder ser membro deste órgano, un ex presidente deberá solicitar a súa incorporación dentro do período dun ano dende o seu cesamento, cunha declaración de que non incorre en incompatibilidades. O mandato pode interromperse en determinados supostos e os ex presidentes poden reincorporarse con posterioridade durante o tempo que lles reste de mandato.
Reforma da Lei da Xunta e da súa Presidencia
O Consello da Xunta tamén acordou modificar a Lei da Xunta e da súa Presidencia para complementar esta reforma: os ex presidentes poderán solicitar a súa incorporación no Consello consultivo unha vez que entre en vigor a Lei, aprobada este xoves polo Goberno galego.
Os ex presidentes terán dereito a percibir, durante polo menos dous anos dende o seu cesamento, as compensacións económicas e os medios e servizos que se estabelezan por decreto da Xunta, no caso de que non se integren no Consello Consultivo de Galicia. A modificación legal prevé que se manteña este límite. Amplíase o dereito a recibir as prestacións de servizos que se estabelezan até un límite de catro anos máis se tiveron a condición de presidente durante catro anos, e dez se foron máis de catro. A prestación destes servizos é incompatíbel coa condición de membro nato do Consello Consultivo de Galicia ou co exercicio dun cargo público que lle outorgue ao ex presidente unha prestación de medios e servizos de natureza análoga.