Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza da Comisión Bilateral

O goberno español segue sen fixar data para o traspaso de novas competencias

O vicepresidente Anxo Quintana sinala que o prazo para que o Estado transfira as seis competencias comprometidas chegou á "liña vermella" e está "a piques de cruzala".

Redacción - 17:22 24/09/2007
A ministra española de Administracións Publicas, Elena Salgado, recibe este luns en Madrid ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana

A ministra española de Administracións Publicas, Elena Salgado, recibe este luns en Madrid ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana

O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, advertiu este luns de que o tempo para que o Estado transfira as seis competencias máis avanzadas que lle reclama a Xunta -fixadas en febreiro e que tiñan marcado como prazo finais de 2007- chegou á "liña vermella" e está "a piques de cruzala".

"O tempo remata e Galiza non pode quedar estancada no incremento do seu autogoberno", aseverou, tras manter unha xuntanza en Madrid coa nova ministra española de Administracións Públicas, Elena Salgado, no marco da Comisión Bilateral de Transferencias.

Quintana explicou que "existe o compromiso por parte do ministerio" de seguir estudando o traspaso destas seis competencias solicitadas por Galiza, petición que chegou "logo da posición de bloqueo do PPdeG ao novo Estatuto". "Temos paciencia, mais tamén perseveranza e cremos que chegou o momento de comezar a lles dar solución a estes temas", sentenciou.

Seis competencias
En concreto, os traspasos que pide a Xunta son os referidos a salvamento marítimo; inspección de traballo; centros de investigación do Estado con sede en Galiza; arquivos históricos e museos.

Tamén, a xestión dos bens reservados á Tesourería da Seguridade Social e adscritos a servizos e competencias xa transferidos á comunidade; e que se salde a débeda de superficie da Administración do Estado nas catro provincias galegas.

Lei de horarios comerciais e Tráfico
Por outra banda, os gobernos español e galego chegaron a un acordo sobre a Lei galega de horarios comerciais, polo cal o executivo de Rodríguez Zapatero renuncia a recorrela ante o Tribunal Constitucional.

Ademais, respecto ao traspaso das competencias de tráfico, o vicepresidente lembrou que esta proposta non estaba prevista na axenda de traballo deste luns, e afirmou que a transferencia destas levaría a promulgación dunha lei orgánica para poder ser aprobada, "namentres Galiza non teña o novo Estatuto".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: