 
A Lei de Memoria Histórica posta en marcha no parlamento español obrigará a que todas as administracións públicas cumpran con esta medida.
 
											Edificio da Aduana Real da Coruña / Foto: Turgalicia
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entregoulle este mércores un escrito ao Valedor do Pobo pedíndolle que lle obrigue ao goberno local a eliminar a simboloxía franquista existente en varios edificios públicos da cidade. 
  A presidenta da asociación, Beatriz Gómez Amigo, asegurou que esta simboloxía "é ilegal dende hai 26 anos", data en que se aprobou a lei sobre o escudo constitucional do Estado, "que daba un prazo de tres anos para eliminar os devanditos escudos da vía pública". 
Gómez Amigo dixo que o 18 de xaneiro de 2006 remitíranlle unha carta ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, para que coñecese a situación, mais que dera "a resposta do mudo". Posteriormente, o pasado 3 de abril, levouse a pleno a retirada desta simboloxía, mais PSdeG e PPdeG rexeitaron a moción; o BNG votou a favor. 
  
Varios edificios da cidade 
Gómez Amigo criticou que o Concello da Coruña "leve anos a incumprir reiteradamente a lei e a loitar contra a normalización lingüística", mais ao actual goberno municipal bipartito "non lle queda outra" que eliminar os escudos ilegais: a vidreira da escaleira principal da entrada da casa do concello, a fachada do Cuartel de Atocha, a fachada do edificio de Correos, a do edificio da Aduana ou a da Comandancia da Mariña. 
Precisamente, a petición coincide estes días co acordo ao que chegaron no parlamento español todos os grupos, agás o PP e ERC, para pór en marcha a tramitación da Lei de Memoria Histórica, que obrigará a todas as administracións públicas a retirar os símbolos franquistas dos seus edificios, prazas e rúas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto