Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DECLARACIÓNS NA RADIO GALEGA

Francisco Rodríguez esíxelle á Xunta unha lei que democratice as caixas de aforro

O dirixente nacionalista coida que o cambio en Galiza vai “lento” e bota en falta, entre outras, políticas lingüísticas máis enérxicas.

Redacción - 13:35 14/10/2007

O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, cre que a Xunta ten que abrir un debate arredor do funcionamento das caixas de aforro. O dirixente nacionalista considera que é prioritario que a Xunta saque adiante esta mesma lexislatura unha lei que controle o funcionamento destas entidades. En declaracións á Radio Galega este domingo, Rodríguez dixo que “Galiza non se pode permitir o luxo de que sexan alleas (as caixas) a un mínimo control democrático”. Lembrou que comunidades como Andalucía ou Estremadura teñen unha lexislación que obriga ás caixas a investir en determinados ámbitos.

Mais tamén se referiu ao traballo do bipartito. Rodríguez considera que o cambio política “vai lento”. Segundo o líder da UPG, isto débese a que hai procesos como o das políticas agrarias que son “longos” pero advertiu que noutros casos débese a que “non se sabe a onde se quere ir”. Tamén cre que o Goberno xa tería que ter posto en marcha a reforma dos medios públicos para “poñer a realidade galega no centro da información”.

Zapatero, un político “españolista pero integrador”

O deputado nacionalista sinala que Galiza terá que presionar o goberno español para lograr máis competencias políticas. Referíndose á negativa de Madrid á hora de facer máis traspasos sinalou que isto se debe a que Zapatero é un “político españolista”, aínda que matizou que ten un carácter “integrador”.

Segundo a súa opinión, o executivo estatal “non vai ceder por iniciativa propia” competencias como as de Tráfico ou Salvamento Marítimo, xa que hai outras de menor calado que tampouco son partidarios de transferir antes das eleccións xerais.

Unhas políticas lingüísticas con “poucos ánimos”

Tamén se referiu ás políticas lingüísticas que está a impulsar a Xunta que cualificou de “moi limitadas e con poucos ánimos”. Asegura que para que o último decreto de galeguización do ensino teña éxito é preciso aplicalo con enerxía e con medios concretos.


4,55/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: