Na tarde desta cuarta feira e ao saír da xuntanza da executiva do seu partido, o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quitoulle importancia á reunión mantida polos grupos parlamentarios apenas un par de horas antes. Asegurou Pérez Touriño que está a prol de que esa transferencia sexa conseguida, pero insistiu en que "xa que o Congreso pecha dentro de pouco", calquera iniciativa deste tipo "está chamada a non poder ser tramitada".
"A ninguén lle escapa que o
Congreso pecha dentro de pouco e non é politicamente viábel nin posíbel tramitar un proxecto de lei", considerou o líder dos socialistas, cuestionando a "oportunidade política" da formulación desta iniciativa por parte do vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana. E con todo, Touriño defendeu que será "positivo" para Galiza conseguir que a Xunta poida xestionar as competencias en tráfico e seguridade vial.
Quintana destaca a vontade "de máis autogoberno" manifestada polos tres grupos Máis optimista foi a avaliación do vicepresidente da Xunta, quen subliñou o "importante momento para Galiza" que implica o consenso deste mércores. "Isto é máis que pedir unha competencia, é unha vontade política", expresou. "A iniciativa ten que partir de nós, se queremos autogoberno", afirmou, destacando o compromiso de
PPdeG,
PSdeG e
BNG.
Na xuntanza, á que asistiron o popular Manuel Ruiz Rivas, o socialista Ismael Rego e o nacionalista Carlos Aymerich, acordouse elaborar e aprobar no Parlamento unha proposición de lei que solicite ás Cortes do Estado "a aprobación dunha Lei Orgánica que, pola vía do artigo 150.2 da Constitución, transfira a Galiza as competencias en materia de trafico". Anxo Quintana salientou que esta proposta significará que independentemente dos resultados das próximas eleccións xerais, exista un compromiso firme das principais formacións políticas galegas por demandar esta transferencia.