O incidente coincide co peche que os veciños da parroquia están a levar a cabo na casa do concello. Ás 11.00 horas deste sábado estaba prevista a súa fin.
Os Tedax da Policía Nacional analizan os restos da caixa dun rexistro de Unión Fenosa instalada na parte de fóra da estación depuradora de Lagares, que ardeu na madrugada do venres ao sábado, despois de que se lle botase "o que parece un artefacto explosivo", segundo confirmaron fontes da Policía local.
Arredor das 2.00 horas os veciños alertaron a Policía de que "se escoitaran varias explosións" e quedaran sen luz no barrio. Cando acudiron os Bombeiros comprobaron que estaba a arder parte do cableado dunha caixa cun rexistro de Unión Fenosa. A Policía apuntou que o artefacto podería ser un petardo de feira ou outro elemento similar.
O incidente acontece precisamente cando un grupo de veciños da parroquia de Coruxo, onde está situada a planta, permanece pechado en dependencias do concello dende o mediodía do venres, para protestaren polo que consideran unha mala planificación desta instalación. Neste senso, estaba previsto que ás 11.00 horas deste sábado finalizase o encerro.