Exixen un plan de evacuación "estábel" para que os veciños teñan un lugar alternativo onde vivir cando os olores na zona sexan insoportábeis.
Unha vintena de veciños afectados polo mal funcionamento da estación depuradora do Lagares pecháronse este venres na sala de xuntas do Concello de Vigo, para exixirlle ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que se comprometa a elaborar un plan de evacuación "estábel", e que os veciños poidan ter unha alternativa onde vivir cando os olores na zona sexan insoportábeis.
O voceiro deste colectivo, Xosé Antonio Fernández, sinalou que o obxectivo do peche -"indefinido polo momento"- é arrincar un compromiso por parte do goberno municipal, e contradiciu as palabras de Caballero sobre "trato exquisito" que están a recibir por parte dos responsábeis municipais.
'Prensa censurada'
Non é a primeira vez que realizan este tipo de acción. A pasada fin de semana permaneceron pechados durante 20 horas nas instalacións da planta, mais ninguén accedeu a se entrevistar con eles.
Algúns dos lemas que están a utilizar neste último encerro son 'Inútiles, estádesnos a matar', 'Depuremos os políticos profesionais' ou 'Prensa censurada', en referencia á prohibición inicial, por parte dos axentes policiais -seguindo ordes da alcaldía- de que algúns redactores e fotógrafos accedesen ao lugar.