Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO MACBA: "SOTA LA BOMBA"

Vivir e crear baixo a ameaza da destrución total

Despois de Hiroshima, que? A pregunta global para reflexionar sobre a arte dos anos 40 e 50.

Lito Caramés - 14:00 17/11/2007

Acaba a Segunda Guerra Mundial. Europa está arruinada física e moralmente. Hai que superar moitas cousas: a destrución, a derrota, o nazismo, a vergoña. E chegan outras coas que cómpre convivir, ou rexeitar: a Guerra Fría, a Europa oriental. Por se todo isto -mais a fame negra- non era dabondo, en 1946 os Estados Unidos de Norteamérica explosionan unha bomba atómica no atolón de Bikini.

A redor desta realidade, o Museu d'Art Contemporani de Barcelona (MACBA) presenta unha panorámica da vida cultural e tamén da política que se perfila en Francia e mais nos EE UU na década que vai de 1946 até 1956, década na que se vive coa conciencia -poida que por primeira vez na longa vida deste noso planeta- de que os seres humanos podemos destruír todo. E a nós mesmos tamén.

A exposición Sota la Bomba. El jazz de la guerra d'imatges transatlántica. 1946-1956 é unha ambiciosa aposta do MACBA, con máis de 400 obras mostradas ao longo de dous andares e cun presuposto superior ao millón de euros. É unha coprodución do mesmo MACBA e mais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS) de Madrid (onde por certo non irá a mostra), e está comisariada por Manuel Borja-Villel, director do MACBA, e por Serge Guilbaut, profesor de arte, crítico e especialista no tema da exposición.

A retrospectiva, xa que procura captar a vida daqueles anos e non só a pintura, é multidisciplinar. Nas salas do MACBA e seguindo unha orde cronolóxica, é doado contemplar e oír xornais, filmes artísticos e documentais da época, arquivos en papel, fotografías, moda téxtil. Todo acompañado de pinturas e debuxos.

Nova York versus París

A proposta inicial que se marcaron os comisarios é confrontar e contrastar a arte que se creou en Nova York e mais en París naquela década na que a capital artística da cultura occidental pasa a ser Nova York e deixa de selo a capital francesa. Contrastar a arte como manifestación das expectativas de vida que se xeraban nas dúas ribeiras do Atlántico. Baste como exemplo as diferenzas entre a política dos EEUU de enfrontamento total á URSS, xa coa Guerra Fría, xa con demostracións bélicas como as explosións atómicas, e as opcións máis pacifistas que se ofrecían desde a destruída Europa.

Como se vivía isto desde a arte? Máis ou menos igual. Cando Picasso presenta a súa serie da Pomba da paz para o Movemento Mundial dos Partidarios da Paz (1949) e o que iso quere dicir; o goberno dos EEUU reaccionou contra ela e contra o pacifismo que subscribía cunha campaña de moitos, moitos dólares.

A través das 400 obras, dos dous andares e de moitas salas, xorden formas diferentes de formular a arte e a vida. E tamén intentos de achegamento. As maneiras distintas poden visualizarse nas obras de Pollock ou de Kooning, cos seus expresionismos abstractos e as action painting (todo herdanza do surrealismo europeo de antes da guerra) e as creacións de Picasso, Matisse ou Leger. Guilbaut, un dos comisarios, tamén ve en escritos de directores de museos e de críticos de arte daqueles anos as diferenzas e até o desprezo polas sensibilidades dos outros.

Mentres en Francia os pintores militantes trataban de dar contexto social á súa obra (mormente aqueles artistas próximos ao Partido Comunista), en EEUU -especialmente en Nova York- a pintura do dripping e da action painting aposta polo puro xogo visual. Neste senso os Pollock, os Kooning e os Kline móvense en eidos ben queridos pola fotografía, e fan das súas obras un obxecto máis de consumo. Nestes anos comeza o que hoxe vivimos: a sociedade de consumo da American way of life e non é de estrañar que as autoridades do novo imperio gastasen tantos millóns de dólares en potenciar a súa cultura, fronte aos ventos de realismo social que chegaban de Moscova. Un dos paradoxos dos rebeldes expresionistas-abstractos consistiu en rematar formando parte da propaganda oficial do novo imperio, cousa que rexeitaron inicialmente.

Por se isto pode parecer tendencioso, hai que lembrar que a finais dos anos corenta a revista norteamericana Life Magazine nombrou a Jackson Pollock como "o pintor vivo máis importante". E iso sen pedirlle permiso a Miró, Dalí, Mattisse ou Picasso, por citar algúns ben coñecidos.

Uns dos acertos da retrospectiva radica na exhibición de pezas de artistas das dúas beiras atlánticas, sen dar preeminencia aos "gañadores" do novo continente, e mostrando obras de creadores que hoxe están bastante esquecidos. Tal é o caso de Soulages e Hartung.

As contradanzas, as variacións, o jazz pulseado nas dúas urbes, con acompañamento de amplos territorios, catervas e rebumbios de armas. Partituras e improvisacións dispares, até antagónicas e mesmo complementarias.

A dificultade cotiá

A dureza da vida na derrotada Europa vese ben reflectida en dúas fotografías de Lee Miller, do ano 1944: Ciclistas en tándem facendo funcionar secadores do cabelo no Salón Gervais de París. Dunha banda da parede os ciclistas secan a suor do pedaleo, mentres da outra as señoras son atendidas e secan a súa boa burguesía. Outra testemuña do mesmo ofrécea Jean Cocteau no seu Théâtre du Monde (1945). Como non hai tea para os desfiles de moda parisiense, fanse figurinos de 50 cm de altura e exhíbense como se fosen escenas dunha peza teatral.

España no epílogo

Nas salas finais da mostra búscase a situación da pintura en España. Certamente que algúns artistas, con permiso da ditadura franquista, trataban de non perder o contacto coas tendencias foráneas e miraban como tirar polos eidos da abstracción. Algúns acontecementos -entre eles a I Bienal Hispanoamericana, 1951- axudan a que a abstracción reapareza pola españa castrada. Nesta mostra pódense ver -xunto con documentais oficiais do franquismo- creacións de pintores como Tàpies, Millares, Feito ou Saura.

Para animar a vivir a reflexión que se nos brinda desde as salas do MACBA, tamén se pode botar man de nomes dos artistas expostos. Hai obras de Leger, Giacometti, De Stäel, Miró, Pollock, de Kooning, Rothko, Gorky, Matisse, Motherwell, Picasso, Vicente, Guerrero, etc.


EXPOSICIÓN: Sota la Bomba. El jazz de la guerra d'imatges transatlántica. 1946-1956

MACBA
Plaça dels Àngels, 1 | Barcelona

Até o 7 de xaneiro de 2008

Horarios: luns, mércores, xoves, venres e sábados, de 10 a 20 h., domingos de 10 a 15 h., martes pechado.


2,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Faune musicien et danseuse", Pablo Picasso, 1945
"Faune musicien et danseuse", Pablo Picasso, 1945
"Reflection of the Big Dipper", Jackson Pollock, 1947
"Reflection of the Big Dipper", Jackson Pollock, 1947
"Ciclistas en tándem facendo funcionar secadores do cabelo no Salón Gervais de París", Lee Miller, 1944
"Ciclistas en tándem facendo funcionar secadores do cabelo no Salón Gervais de París", Lee Miller, 1944
"Théâtre du Monde", J. Cocteau,1945
"Théâtre du Monde", J. Cocteau,1945
"Gran oval", Antoni Tàpies, 1955
"Gran oval", Antoni Tàpies, 1955
"Act of Creation (Sdeghtzagordsutyun)", Arshile Gorky, 1947
"Act of Creation (Sdeghtzagordsutyun)", Arshile Gorky, 1947