Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pola recuperación da memoria histórica

O goberno catalán vai pagar as exhumacións das foxas comúns

Esta semana vaise publicar un anteproxecto da Llei de Fosses Comunes pola que a Generalitat se compromete a financiar o desenterramento dos represaliados do franquismo.

Redacción - 12:35 19/11/2007
Detalle dos restos atopados na foxa de Areas en setembro

Detalle dos restos atopados na foxa de Areas en setembro

Na mesma semana en que se fan 32 anos da morte de Franco, o conselleiro de Interior e de Relacións Institucionais e Participación da Generalitat, Joan Saura, vai expoñer publicamente o anteproxecto dunha nova lei (A Lei das Foxas Comúns), que vai axudar a recuperar os restos dos cataláns asasinados entre 1936 e 1939, durante a Guerra Civil.

Saura anticipou esta segunda feira que, segundo esta lei, as familias dos desaparecidos e as entidades de recuperación da memoria histórica poderían pedir a escavación das foxas comúns, e que a Generalitat de Catalunya correría con todos os gastos. Sería a primeira vez que un goberno se fixese cargo do financiamento dunhas exhumacións, que na actualidade realiza (entre outras asociacións), por toda a península, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), unha entidade sen ánimo de lucro que se autofinancia, coa axuda dos seus socios, familiares dos represaliados e, ás veces, axudas de concellos e gobernos autonómicos.

A nova lei catalá pola recuperación da memoria histórica

O propósito desta nova lei é, segundo a Generalitat, "restablecer a dignidade dos desaparecidos na guerra de 1936-39 e na ditadura franquista; facer posíbel o dereito dos familiares de obter información das circunstancias nas que finaron os seus parentes e, se é preciso, recuperar os restos; sinalar a foxa e recuperala para a memoria histórica". A lei permite achegas de asociacións, cidadáns e administracións até o vindeiro 10 de decembro.

A partir de agora, quen desexe cavar unha foxa, debe aportar probas documentais ou ter indicios fundamentados, que avaliará unha comisión asesora, formada por profesionais de prestixio e por representantes de entidades da memoria histórica e do goberno catalán. Despois, o informe que saia desta comisión irá á Dirección Xeral da Memoria Democrática, que o analizará e dirá como é preciso actuar.

Censo de desaparecidos

Este anteproxecto tamén fala da creación dun censo de persoas desaparecidas a mans do fascismo e dun mapa de foxas comúns de Cataluña (segundo a Generalitat, hai á volta de 150).


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fotografía tirada no Alto do Acebo, na Fonsagrada, onde desenterraron este verán unha foxa comúns nas que se agardaba atopar parte do Batallón Galicia
Fotografía tirada no Alto do Acebo, na Fonsagrada, onde desenterraron este verán unha foxa comúns nas que se agardaba atopar parte do Batallón Galicia
Abrindo a terra do adro da Igrexa de Areas (Ponteareas) en setembro. A ARMH atopou varios restos de represaliados
Abrindo a terra do adro da Igrexa de Areas (Ponteareas) en setembro. A ARMH atopou varios restos de represaliados