A veciñanza de Villiers-le-Bel culpa dous axentes de non socorreren os rapaces, que chocaran contra un vehículo policial.
A prensa francesa abre as súas edicións coa nova dos disturbios
O suburbio parisiense de Villiers-le-Bel sufriu a noite do luns novos enfrontamentos entre a Policía e xente nova anoxada pola morte de dous adolescentes o domingo á tarde, cando colidiron cun vehículo policial. Os mozos formaron barricadas e guindaron pedras e cócteles molotov contra os axentes, que responderon con gas lacrimóxeno e bólas de goma.
Polo menos 38 axentes resultaron feridos, tres deles graves, segundo un voceiro da Policía. Arderon máis de trinta vehículos e, segundo as mesmas informacións, tamén sufriu feridas un xornalista. A mesma fonte indica que se detiveron dous mozos e que entre os edificios afectados se atopaba unha biblioteca, que foi incendiada.
O ataque á Policía débese a que moitos veciños aseguran que os axentes implicados no choque do domingo abandonaron o lugar do accidente sen lles prestaren axuda aos dous adolescentes. As autoridades xa encargaron unha investigación interna.
Segundo as forzas de seguridade, a moto en que viaxaban os mozos non tiña permiso de circulación e os rapaces, de 15 e 16 anos, non levaban casco ni respectaran as normas de tráfico. As primeiras investigacións din que os policías implicados no accidente non consumiran alcol nin foran os que provocaron o accidente.