Os edís do BNG en Corcubión, Muros e Porto do Son poderían volver en breve ás filas da formación, malia racharen no seu momento a orde de pacto cos socialistas nos respectivos municipios.
Os que en 2007 foran elixidos concelleiros polo BNG en Corcubión, Muros e Porto do Son poderían agora reingresar oficialmente á formación nacionalista despois do tirapuxa poselectoral. Nas semanas posteriores, os tres concellos foran escenario das queixas dos representantes nacionalistas pola esixencia da dirección do Bloque de pactaren co PSdeG local. Argumentaban que en cada un dos casos as circunstancias concretas e a traxectoria da relación de nacionalistas e socialistas nestes municipios facían imposíbel ese acordo. Agora, acaban de solicitar a readmisión, expoñendo que o propio pacto a nivel local entre as dúas formacións xa foi tamén incumprido polo PSdeG ao non aceptar a presidencia de quenda na Federación Galega de Municipios e Provincias, a Fegamp.
Fronte a esa posibilidade, o deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas opinaba este martes que se trata de "falsas coartadas" e pedíalle ao BNG que non atenda esa petición. Considera Lage Tuñas que os edís deses tres concellos son "cómplices e membros de gobernos de coalición co PP" e repróchalles teren freado a formación de gobernos "de progreso" nestas localidades. "O PSdeG leva esperando dende xuño a que a dirección do BNG anuncie a expulsión definitiva dos concelleiros, en virtude do acordo subscrito", indicou.
Por outra parte, PPdeG e BNG coincidiron en criticar que o novo presidente da Fegamp, Carlos Fernández, rexedor en Ames, se estrease criticando a proposta de rebaixa fiscal anunciada polos populares para a súa aplicación nos concellos onde goberna. Independentemente da posición de cada formación ao respecto, PP e Bloque coinciden en recordar que esta circunstancia non foi aínda tratada a nivel interno dentro da Fegamp, polo cal o presidente non debería expoñer as súas opinións persoais en calidade de representante da institución.