O canon de beleza deixou de ser a anatomía humana que con harmonía elaboraron os gregos nos tempos da batalla das Termópilas. O corpo como discurso aberto.
Mentres hai en Barcelona outras exposicións de arte moi atractivas, a Fundació Miró abre as súas salas aos corpos humanos do convulso século XX; unhas 90 obras entre esculturas, debuxos e pinturas que percorren cen anos, xunto cos seus creadores e da man das diversas sensibilidades artísticas, segundo van chegando as vangardas.
A proposta inicial de Un cos sense límits é mostrar os diversos tratamentos que artistas do século XX deron ao noso corpo, unha vez que este deixou de ser o milenario referente de beleza. É un percorrido pola historia da arte das vangardas tomando como tema a anatomía humana.
A primeira obra é o emocionante L'homme qui marche (1899), de A. Rodin, esa obra que racha co academicismo e mira ao século que chega asombrado e desmembrado. Podían ter comezado con dúas obras anteriores (aínda que fosen reproducións): a Olimpia, (1863), de Manet, o nu feminino concreto non ideal e mais por L'origine du monde (1865), de Courbet, con seguridade a pintura máis atrevida realista anti-sistema que se fixo en todo o século XIX
A fotografía ataca frontalmente á pintura. Pero tamén é certo que a libera da obriga de gardar fidelidade á realidade obxectiva. Desde finais do XIX os pintores poden e queren crear. Crear ótpcas propias, visións persoais de calquera tema e obxecto. A isto é ao que asistimos nesta exposición. Desde L'homme que marche de Rodin até a actualidade as artistas e os artistas reelaboran discursos propios sobre o corpo, sobre os corpos de seu. Serán corpos libres para ser presentados lonxe de propostas de beleza ideal, de pexas e corpiños academicistas.
Sensibilidade en bronce
Hai nas salas de Montjuïc esculturas de Laurens, Picasso, Miró e moitos outros. O material común á maioria delas é o bronce.
Giacometti deixa que miremos as pezas de bronce e diversos debuxos, en especial dúas mulleres de corpo mínimo frontal ríxido. As mans do artista traballan e traballan a materia até reducir a corporeidade. Iso si, están ben ancoradas, presas por eses pés inmensos, como se Giacometti buscase un punto que permitise amarrar a vida.
Henri Moore está representado por un bronce que reproduce o seu tema favorito, a figura recostada (Working model for reclining figure, 1976), formas sensuais reiteradas a partires do Chac Mool maia.
Entre as esculturas sorprende atopar Large Torso (1974) de W. de Kooning, o compañeiro de Pollock no expresionismo abstracto dos anos cincuenta. O bronce, neste caso, segue os trazos esfarrapados e convulsos que estamos afeitos a ver nas pinturas do artista. Do mesmo grupo, Klein é azul nas antropometrías do Body Art.
Da artista Louise Bourgeois (a única muller da mostra) pódese ver un vibrante Arch of Hysteria (1993). O corpo descabezado colga no ar, tensando a atmosfera e pintando de ouro as anatomías que van máis aló do posible.
Policromía para corpos espidos
De Miró, como é de esperar hai debuxo, pintura e escultura. Chama a atención un debuxo que titulou Femme nue montant l'escalier (1937). A escaleira, non unha calquera. A referencia a Duchamp é obvia, e o xogo tamén. Na obra de Duchamp o corpo espido baixa a escaleira, entre pulos futuristas. E Miró, vintecinco anos despois, aínda sube. O de baixar e subir escaleiras seica é bastante habitual. Non está de máis lembrar que a obra Fontaine (1917), de Duchamp, foi recoñecida como a obra de arte máis influínte de todo o século XX.
Para referir algúns outros artistas dos presentes na fermosa mostra baste dicir que F. Bacon ofrece a súa claustrofóbica auto-análise da desfeita persoal, que L. Freud sabe como buscar a pose da modelo para que a observación do resultado teña altas doses de incomodidade, que Saura enche de negro presente e futuros, no en tanto Tàpies teima con terras e po de mármore e segue brincando co significado do seu apelido e o Basquiat é quen de atopar as cores imposibles e traballar sobre tela coa técnica urxente que aprendera nos graffitis.
De Picasso hai pinturas e esculturas. Unha escolma lóxica. Se algún tema percorre a infinita creación de Picasso é o tratamento do corpo humano. Non están (sería moito) Les demoiselles d'Avignon (1907), unha das obras que escandalizou até aos que non se asustaban de nada. Aquelas faces da Polinesia con corpos deformes foron vomitivas até para os que en París miraban de revolucionar a pre-Gran Guerra.
EXPOSICIÓN: Un Cos Sense Límits
Fundació Miró, Montjuïc (Barcelona)
Até o 27 de xaneiro de 2008.
Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h., domingos, de 10 a 14,30 h.