Pasar dos oitenta non é eiva para facer xornadas de máis de cinco horas diarias de traballo no seu estudo. Última entrega de quen teima en optimizar a súa obra.
Na céntrica galería Toni Tàpies (Consell de Cent, 282) móstrase parte da obra que Antoni Tàpies realizou ao longo do ano 2007. Tàpies, con 84 anos, segue traballando malia diversos problemas de saúde física.
Traballar a materia. Antoni Tàpies padece de ataques de ciática de hai anos. Seica é unha enfermidade profesional, dinlle os médicos. Tàpies elabora a meirande parte da súa produción no chan do taller, no pé do Montseny. Andar curvado tantas horas para estender sobre táboa e dar forma ás grandes cantidades de po de mármore que manipula ten as súas consecuencias físicas. Iso acontece porque as creacións de Tàpies van máis aló da pintura. Achéganse ao baixorrelevo e viaxan polo tempo. Tanto nos poden aproximar a Mesopotamia como á India, ao arte grego como ao maia. Pero pezas como a que agora se pode contemplar na rúa Consell de Cent, Cos (2007), teñen moito da forza expresiva románica; dos trazos en paralelo, inxenuos e definitivos dun pantocrator. Talmente parecería que acabamos de atopar un crucificado, perdido desde o século XI, e do que só recuperamos o tronco. Parecería, si; se non fose que a ironía do Antoni o leva a ilustrar a materia telúrica e eterna do corpo humano con lanuxes nos sobacos e na zona do pube. Esta obra, Cos (2007), é curmán daquelas outras (tamén de Antoni Tàpies) que se puideron ver na Fundació Miró até hai dez días (por exemplo, Cos sobre fusta, 2005). Todas elas teñen ese afastado parentesco coa xénese bíblica. O po de mármore, ou barro, sobre o que traballar, sobre o que crear corpos: corpos humanos como o de Adán.
Caligrafías como pescuda. Algunhas das pezas colgadas na galería do fillo do artista, fixéronse sobre papel, un soporte sensible respecto doutros como a madeira. Nestes casos a materia deixa o sitio á pintura, ás cores. En Clau Blava (2007) outras realidades multiformes abren (ou pechan) os ollos de quen mira. O fondo arquitectónico -como de antigos mármores desgastados- suxire o xogo matemático e a posible resposta alfabética. Os trazos paralelos de pinceis negros enchen a metade dereita. Caligrafías que interrogan (xa que non dan respostas). Interrogan texturas e posicionamentos, do mesmo xeito que o fixeran aquelas outras liñas coas que Joan Miró interrogara o barrio gótico de Barcelona desde as vidreiras do edificio do Col·legi d'Arquitectes de Barcelona (Miró Otro, plaça de la Catedral, 1969). Neste caso Tàpies semella teimar na procura do significado último das cousas. Como acontece no filme de Zhang Yimou, Hero (2002), onde un dos personaxes retella e retella co pincel sobre papeis, tratando de atopar unha palabra nova: unha resposta.
Largar lastre. Poucos elementos en cada obra. Na creación e na experiencia vital alongada chega o intre de expresar ou mostrar o que se busca con pouca cousa. A poesía espida, a literatura "ligera de equipaje". A sobriedade do saber facer. Antoni Tàpies ten dabondo con materia verquida e debilmente manipulada: deixar que a obra fale. Iso vén sendo a maré primixenia de Creu sobre matèria (2007).
Insistencia nos mesmos temas e nas mesmas teimas. "Per a mi tot és el mateix a l'Univers". Con estas verbas Antoni Tàpies incita a que contemplemos a súa obra coa perspectiva de que o panteísmo dalle azos para insistir no perfeccionamento do seu mundo. Despois de tantos anos traballados, as mans re-crean. Será certo logo que Tàpies leva corenta anos executando o mesmo cadro? Será que aínda vai por outro capítulo do seu libro artístico? Ou é poema poliédrico? Todo por non asegurar que caligrafías, materiais, riscos e cruces delimitan a gran peza escultórica. A ver o máis correcto é facer o que pretendía Michelangelo Buonarroti en Carrara. O escultor propuxo á república de Florencia que, en troques de ir sacando aos pouquiños todo o mármore que mora naquela branca montaña, o mellor era facer unha única escultura na montaña. Todo o monte. En Lector (2007) a constatación radica na identificación de materiais e símbolos propios de Tàpies, a dúbida atrapa cando se quere buscar sentido ao xogo irónico do autor. O lector diante dun espello? O espello somos nós? Sinxelamente, autorretrato?
Novas técnicas. A perseveranza nos mesmos temas non impide que algunha obra semelle tirar polas derrotas de técnicas actuais e alternativas, como o graffiti. Tal acontece en Quadrat ocre, 2007. Nesta peza grande (160x160 cms) o cadrado de po de mármore, formal, simétrico, monocromo, vese atacado por riscos vermellos, e liñas que feren a superficie ocre, e máis liñas que circundan a materia. Todo xunto acaba por transformar un cadrado nun corpo humano rotundo. Con cabeza, brazos e pernas, alambicados coa présa do debuxante da rúa, do adolescente transgresor que nunca deixou de ser Antoni Tàpies.
Na rúa Consell de Cent temos a oportunidade de contemplar os esforzos dun artista octoxenario que non para de crear, que se nega a agardar que chegue o sétimo día... para descansar.
EXPOSICIÓN: Antoni Tàpies. Obra recent.
Galería Toni Tàpies
Consell de Cent, 282 (preto de Rambla de Catalunya)
Horario: de martes a venres, de 10 a 14 e de 16 a 20 h., sábados de 11 a 14 e de 17 a 20,30h.
Entrada de balde.
Até o 28 de marzo.