O Goberno tamén aprobou varias liñas de axudas do Igape e un plan para promover a igualdade das mulleres no mundo laboral.
O Consello de Goberno aprobou este xoves varias medidas relacionadas co mundo laboral. O máis salientábel é o proxecto de lei que regula o Consello Galego de Relacións Laborais. Deste xeito, preténdese cumprir coas premisas do Novo marco de relacións laborais en Galicia: Acordo polo Emprego, asinado o ano pasado ano pola Administración, a patronal e os sindicatos.
A modificación do regulamento busca mudar o papel dos axentes económicos e sociais na participación das políticas activas de emprego. Así pois, o proxecto de lei dálle autonomía ao organismo e dótao de máis recursos humanos e económicos para que o seu labor sexa máis eficaz.
Tamén se aprobaron para o Igape tres liñas de préstamos por 40 millóns de euros e tipos de xuro competitivos para as pemes: a liña Microempresas, con 20 millóns de euros e axudas de até 25.000; a liña Peme Xove, con préstamos de entre 25.000 e 120.000 até 10 millóns, e a liña Peme Competitiva, con outros 10 millóns de orzamento.
O conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, deu conta das actividades do Igape para 2008, con 712 millóns de euros en axudas á promoción empresarial, un 22% máis ca o ano anterior, o que se prevé que induza un investimento empresarial de 2.000 euros.
O Igape, asemade, promocionará os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas nos Estados Unidos grazas a un acordo co Instituto do Comercio Exterior e co consello regulador.
Por último, o Consello da Xunta foi informado polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, da posta en marcha dun plan transversal pola igualdade laboral: o plan Aurora de emprego feminino beneficiará a máis de 150.000 mulleres e terá un orzamento de 190 millóns de euros para 2008. O plan contará con sete programas específicos: Activa, Atalaia, Muller porque si, Valora, Agromar, Tecendo futuro e Concerta.