Entre berros de "Redeiras a pagar, ilegais a cobrar", as traballadoras protestaron pola súa situación laboral.
Esta sexta feira dende as 10:00 horas da mañá comezaba unha xornada de reivindicación e visibilización dos dereitos das redeiras, que dende distintos portos de Galiza chegaban a Vigo para reclamar que se tomen medidas para terminar co traballo ilegal deste oficio, que xa supón o 67%.
As redeiras vidas dende Cangas A Guarda, Aguiño, Porto do Son, Panxón, Malpica e Laxe, preto dunhas sesenta en total, ocuparon primeiro a Delegación de Inspección de Traballo de Vigo e despois a Delegación da Xunta para denunciar que elas, máis de 700 traballadoras de toda Galiza, seguen a cumprir coas súas obrigas fiscais e están a ficar sen traballo, mentres outra xente está a traballar ilegalmente.
Nas verbas da presidente da Federación Galega de Redeiras Artesás "O Peirao", Evangelina Martínez, "levamos máis de tres anos loitando para que esta situación cambie e non se están tomando medidas nin desde a Administración nin desde Inspección de Traballo", dixo, ao tempo que lembraba que co intrusismo "non só é que quedemos sen traballo senón que son eles os que fixan os prezos, que son irrisorios, e que non nos permite cumprir con estas cotizacións tendo que traballar a eses prezos".
Contra o intrusismo e a discriminación laboral
As redeiras reunidas en Vigo tamén denunciaron que moitas das persoas que están a traballar no seu fóra da legalidade son xente xubilada, ou simplemente xente que está en activo e non cotiza. Por culpa desta situación hai redeiras que están a traballar por dous euros á hora.
Onde máis se vive esta situación, segundo contan dende a CIG, é nos portos da Guarda, Malpica, Ribeira e Laxe, onde a maioría da xente que está a traballar é ilegal. As traballadoras tamén denunciaron a discriminación de xénero que sofren, xa que os redeiros cobran máis que as redeiras por desenvolver o mesmo traballo, e son asalariados.
Ocupación das Delegacións de Traballo e da Xunta
Durante a ocupación da Delegación de Traballo, unha delegación da federación de redeiras, acompañadas de representantes da CIG conseguiron manter unha xuntanza co xefe da Inspección de Traballo de Vigo, Xosé Casas de Ron, após a que Casas de Ron se comprometeu a xuntar a todas as partes (Portos de Galicia, a Consellaría de Pesca, a Consellaría de Traballo e Facenda) nunha reunión, que tería lugar antes de que remate a campaña electoral.
Máis tarde as redeiras desprazáronse cara a Delegación da Xunta para solicitar unha xuntanza co delegado de Traballo, Pedro Borrajo, para reclamar tamén desta consellaría o compromiso de solucionar o seu conflito. A semana que vén poderían comezar a se manter as xuntanzas para terminar co intrusismo nesta profesión.