Despois dos atrasos no rescate dos mariñeiros do Cordero, a rotura dun cabo impediu traer con vida un garda civil.
O helicóptero 'Helimer Galicia'
A hipótese de que existen fallos no Servizo de Salvamento Marítimo chegou ao Parlamento. Despois de que se cuestionase o funcionamento do Helimer Galicia no momento do rescate dos náufragos do Cordero, o pasado 15 de xaneiro, agora unha pregunta parlamentaria afirma que o helicóptero viu paralizada a operación de rescate dun membro do Servizo Marítimo da Garda Civil por mor da rotura do cabo do guindastre.
Se o mes pasado se constatou que o Helimer tardou 42 minutos en saír desde que recibira o aviso de auxilio do Cordero, o día 23, o corte dun cabo impediu que se puidese recoller con vida un membro da Garda Civil que á súa vez participaba nunha operación de rescate no mar. Aínda que nun primeiro momento o axente estaba vivo, o atraso impediu que se puidese recuperar san e salvo.
O parlamentario nacionalista Bieito Lobeira preguntou en comisión sobre a morte do garda civil e sobre a actuación do Helimer Galicia, que "está a ser cuestionada, non no referente á profesionalidade dos seus tripulantes mais si por unha serie de fallos como os detectados en actuacións como o sinistro do Cordero”. O deputado pediu información sobre a operación de rescate e sobre o estado do helicóptero, ademais de se a Consellaría de Pesca prevé abrir algunha investigación.