Ademais do enfrontamento con Vicepresidencia a conto das galescolas, PPdeG e PSdeG critican agora as normas de habitabilidade deseñadas pola consellaría de Vivenda.
A executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, outorgoulle este martes ao seu presidente, o socialista Carlos Fernández, a facultade para presentar un recurso contencioso administrativo contra as Normas do Hábitat Galego. Esa reclamación presentaríase sempre e cando o Goberno non modificase esta normativa e introducise as suxestións realizadas polos municipios. A decisión contou co apoio dos representantes na Fegamp de PSdeG e PPdeG. Votou en contra o BNG, que apoia o proxecto da consellaría de Vivenda, xestionada pola nacionalista Teresa Táboas.
A Fegamp xa anunciara a comezos do mesmo de febreiro a súa oposición á iniciativa de Vivenda, considerando que, do mesmo xeito que criticaran ao respecto da Lei de Servizos Sociais impulsada por Vicepresidencia, "atenta contra a autonomía municipal". O presidente da Fegamp, o rexedor socialista en Ames, Carlos Fernández, opinou daquela sobre a futura Lei de Vivenda que podería "colidir" cos plans de ordenación urbanística dos concellos. Fernández explicou por exemplo que o Decreto de Habitabilidade interfire co límite de altura máximo aprobado en plans municipais. Tamén dixo que era "desproporcionada" a reserva do 40% dos inmóbeis para vivenda protexida.