Feijoo pide que se "modifiquen". Rego avoga por aplicalas con "prudencia" e defende a autonomía da Fegamp. Quintana di que "a xente humilde está farta de pagar moito por mala calidade".
A asociación ecoloxista Verdegaia manifestou o seu apoio ás Normas do Hábitat Galego impulsadas pola Consellaría de Vivenda porque promoven a eficiencia no uso dos recursos naturais ao tempo que mellorar a calidade de vida e contribúen á sustentabilidade no sector residencial.
Na súa opinión, a aplicación destas normas avanzadas fomentará o aforro enerxético, o uso eficiente da auga, a reciclaxe e a conservación da paisaxe, e critican a falta de interese polos dereitos dos cidadáns que amosan o PPdeG, os promotores inmobiliarios e a Fegamp, neste eido.
Neste senso, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este martes que o decreto está mal desenvolvido, e considerou necesario modificalo. Ademais, criticou a división que segundo el hai no Goberno: "Mentres o que tería que facer o bipartito é estabilidade, o que está a producir é incerteza tanto na Xunta como nos concellos".
Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, apostou por unha aplicación "prudente" do decreto das normas do hábitat, e defendeu a autonomía da Fegamp -presidida polos socialistas-, que presentou un recurso contra o texto impulsado por Vivenda -dirixida pola nacionalista Teresa Táboas.
Precisamente, o líder do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, saíu en defensa da lei, aprobada o pasado 20 de decembro polo Goberno. "Os galegos e as galegas, sobre todo a xente máis humilde, están xa fartos de pagar moitos cartos por vivendas de moi baixa calidade", dixo.