 
 
Aínda que este martes o comisario europeo do Transporte confirmou que a conexión estará lista en 2013, o presidente do Eixo Atlántico ten "dúbidas".
 
											En principio, o TAV unirá Vigo e Porto en 2013
"Todo o proxecto de alta velocidade está algo encallado e nunha grande penumbra. Non se coñece a súa solidez e, xa que logo, tampouco a consistencia dos prazos que se prometeron". 
  O presidente do Eixo Atlántico, Luís Filipe Menezes, facía estas declaracións a semana pasada en Vigo durante a sinatura do convenio polo cal a Xunta destinará 400 mil euros á nova sede do organismo na cidade. 
A previsión actual é que o Tren de Alta Velocidade (TAV) una Vigo e Porto en 2013, aínda que inicialmente, cando en 2003 se decidiu a súa construción, a data fixada fora a de 2009. Dous anos despois do acordo, os gobernos español e portugués decidiron que non era prioritario e adiárono. 
Este martes, o comisario europeo dos Transportes, Jacques Barrot, confirmou que o trazado da liña coñecerase o ano que vén e que o tren debería estar en funcionamento en 2013. Respondía así a unha interpelación do eurodeputado portugués José Ribeiro e Castro na Comisión Europea sobre este asunto. 
Investivento e produtividade
Porén, Menezes amosaba as súas reservas días antes. "Hai que dubidar dos prazos", afirmaba en declaracións á axencia Lusa. Ademais, cuestionaba todo o proxecto de alta velocidade do Estado portugués, concretamente a necesidade de construír un  tren de "altísima velocidade" entre o Porto e Lisboa.   
"Merecería un amplo debate, porque estamos a falar de investimentos que superan os 5.000 millóns de euros e que son moi cuestionábeis dende o punto de vista da produtividade económica", afirmou.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto