"A negociación baséase en se esa incompatibilidade irá reflectida neste texto ou noutro", explicou na Radio Galega a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.
A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, avanzou este domingo nos micrófonos da Radio Galega que só un artigo da próxima Lei de Vivenda está pendente de redacción, xustamente o que regula a incompatibilidade dos alcaldes para exercer como promotores inmobiliarios no mesmo municipio onde gobernan. Táboas explicou que dentro do executivo a única dúbida agora mesmo en negociación sería se "a Lei de Vivenda é o texto onde ten que ir reflectida esta incompatibilidade".
Por outro lado, a conselleira sinalou a "importancia" do pronunciamento dos alcaldes socialistas a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, criticando as Normas do Hábitat. Segundo Táboas, é bo que haxa debate "porque clarifica onde está cada un". "As portas de Vivenda e Solo están abertas porque cremos nas políticas de consenso por enriba dos intereses políticos", expresou ao respecto da petición de diálogo realizada pola Fegamp.
Preguntada sobre se a autonomía dos concellos é a "responsábel" dos desastres urbanísticos dalgunhas localidades do país, Táboas asumiu que o "modelo anterior" de urbanismo e de facer vivenda "xa se sabe como é, porque está materializado; e as súas consecuencias, como o incremento exponencial do prezo da vivenda". "Pero este goberno ten outro modelo diferente, co que aposta por coidar o territorio, por coidar as políticas de vivenda e para que estas teñan calidade", salientou.