O seu presidente di que a decisión de recorrer as Normas do Hábitat "está tomada" e amosa varios gráficos para "pór as cousas no seu sitio".
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, advertiu esta terza feira, nunha xuntanza do organismo, que a decisión de recorrer o decreto de Normas do Hábitat galego impulsadas pola Consellaría de Vivenda "está tomada" e a federación non se vai botar atrás "nin un milímetro".
De feito, Fernández lembrou que o organismo que preside xa presentou no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o anuncio do contencioso contras estas normas, e que está agardando a que o órgano xudicial lle remita o expediente completo facilitado por Vivenda.
O informe negativo contra as Normas do Hábitat
O presidente da Fegamp amosou tamén unha serie de gráficos, incluídos no informe de xestión negativo que teñen presentado contra as Normas do Hábitat para "poñer as cousas no seu sitio e deixar claro que non hai animadversión partidista nin contra consellerías". Neste sentido, o rexedor socialista destacou que, dos 39 informes emitidos pola Fegamp sobre proxectos da Xunta, 33 foron positivos e outros 5 recibiron análise positiva con reservas, tres de consellarías do PSdeG e dous do BNG, cun só informe negativo, precisamente o do decreto de Normas do Hábitat.
Sobre este texto, negou de forma "absoluta e radical" que os concellos estean en contra da mellora da calidade das vivendas e, tras indicar que non discrepan sobre cuestións técnicas, insistiu en que as normas representan "unha clara intromisión nas competencias municipais", especificamente as relacionadas co plan.
En todo caso, o alcalde de Ames reiterou a súa vontade de diálogo e emprazou o departamento que dirixe Teresa Táboas "a negociar" e "evitar este conflito". Así, puxo como exemplo o anteproxecto da Lei de vivenda, no que se modificaron 29 artigos a petición da Fegamp.