O secretario xeral da Vicepresidencia da Xunta, Xabier Ferreira, subliñou a fusión de concellos como mecanismo para aumentar a calidade dos servizos a nivel local.
"O financiamento é un dos grandes problemas", destacou Ferreira Fernández durante a súa intervención na mesa redonda sobre o futuro das entidades locais, organizada en Lalín pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Ferreira reflexionou que son necesarias medidas que garantan a sostibilidade das entidades locais, afirmando que "non pode haber municipios de 200 habitantes" en relación á pequena dimensión de moitos concellos do país. Nese sentido, o secretario xeral de Vicepresidencia dixo estar a favor de "solucións funcionais puntuais e dunha posible reordenación do mapa municipal".
Sobre ese futuro de fusión municipal falou tamén o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, quen xa insistira en levar este debate a primeiro plano durante a súa etapa á fronte da Federación Galega de Municipios e Provincias. Crespo dixo estar seguro de que se trata dun paso "viábel e factíbel a curto ou medio prazo". Salientou ademais que todo serán "vantaxes", fundamentalmente a facilidade para "dar uns servizos de moito máis calidade" e apuntou que o único "prexuízo" pasará pola "desaparición de alcaldes e concelleiros". Ao fío, laiouse de que con probabilidade a "ausencia de madureza política" impide agora mesmo afrontar ese proceso de conseguir o que definiu como "un novo traxe para Galiza".