Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión de Igualdade no Parlamento

O PPdeG quéixase de que os actos da memoria histórica "non mencionaron as mulleres de dereitas"

A titular de Cultura defendeu a consolidación da muller na cultura. O PPdeG ve "listas negras" e abandonou a sala pola ausencia do conselleiro de Traballo.

Axencias - 19:00 03/06/2008

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, compareceu este martes na Comisión non Permanente para a Igualdade das Mulleres onde asegurou que as medidas que están a desenvolver dende o departamento que dirixe van encamiñadas a consolidar a tendencia ascendente no número de mulleres que traballan no eido da cultura segundo datos do IGE.

Bugallo argumentou que grazas a unha liña de axudas específica para o sector audiovisual houbo un incremento do 35% nas producións realizadas por mulleres nun ano. Ademais, defendeu as políticas iniciadas para "igualar" a presenza das mulleres e dos homes neste ámbito, "tanto como creadoras como consumidoras", o que ligou á conciliación da vida familiar, laboral e cultural.

"Estamos a realizar unha política de xénero", afirmou Ánxela Bugallo, e recordou iniciativas concretas como a "presenza visíbel das mulleres" na cultura, a "homenaxe ás mulleres represalias da Guerra Civil", o dicionario das mulleres ou a creación do premio Mari Luz Morales de cinema.

Porén, a deputada do Grupo Parlamentario do PPdeG e voceira de Igualdade, Susana López Abella, acusou a Xunta de realizar "listas negras" de artistas, algo que Bugallo reprobou porque "listas negras fíxoas o anterior goberno, sobre todo a raíz do Prestige". López Abella discrepou das homenaxes ás mulleres represaliadas "porque só se mencionaron as de esquerdas e non as de dereitas" e esqueceron as "outras vítimas", as mulleres que realizaron un "inmenso sacrificio".

Deporte
Ánxela Bugallo falou ademais do traballo da Dirección Xeral para o Deporte e fixou o seu principal obxectivo na incorporación das mulleres aos postos as federacións deportivas, así como en impulsar o deporte de base e eliminar as discriminacións cara ás mulleres á hora de acceder ás actividades e instalacións deportivas.

Pola súa banda, a deputada do BNG Ana Pontón valorou a realización destes estudos para descubrir a situación das mulleres no mundo da cultura e do deporte; mentres que a do PSdeG Carme Cajide salientou a "necesidade" de implicar aos medios de comunicación e, no caso do deporte, "implicar os patrocinadores".

Ánxela Bugallo aproveitou a súa intervención para pedirlles aos grupos parlamentarios que a comisión instase á Federación Española de Remo a que "derrogue" o Artigo 20 que lles prohibe ás mulleres liderar unha tripulación a raíz do caso da galega María Vitoria Piñeiro que "foi vetada" pola súa condición de muller. López Abella mostrou o "compromiso do grupo parlamentario" para apoiar esta iniciativa, e a presidenta da mesa, a nacionalista Modesta Riobó, asegurou que a comisión debaterá a proposta da conselleira.

Traballo
Por outra banda , a comisión de Igualdade contou coa intervención da directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, en substitución do titular de Traballo, Ricardo Varela, que se ausentou debido a "problemas de axenda". Antes de comparecer, Pilar Cancela xustificou esta modificación porque "non se trata dunha sesión de control ao Goberno", aínda que Susana López Abella xa abandonara a sala polo que considerou "unha falta de respecto" do conselleiro.

Cancela realizou un repaso dalgúns datos e recordou, entre outra cousas, que o salario medio das mulleres é de 12.911 euros fronte a os 17.661 do homes. Recoñeceu que "aínda hai moito por facer" e asegurou que a "clave" está nos convenios laborais e a implantación de plans de igualdade en todas as empresas.


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: