Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta reclama 40 millóns de euros

Mil solicitudes semanais para a lista de dependentes mentres o Estado bloquea os cartos

Unha delegación de Vicepresidencia acode este martes a Madrid, onde solicitará o financiamento comprometido para actuacións derivadas da Lei de Dependencia.

Redacción - 09:00 10/06/2008

Na altura do mes de xullo, o financiamento comprometido polo goberno español para o conxunto de actuacións relacionadas coa atención a persoas que se acolleron á lei de Dependencia, aínda non lle foi transferido a Madrid. É unha das reclamacións coas que este martes chega á comisión delegada do Consello Territorial de Dependencia, o director xeral de Acción Social, Bieito Seara. En representación da Vicepresidencia da Xunta, Seara esixirá a transferencia urxente dos arredor de 40 millóns de euros que lle corresponden a Galiza neste apartado.

O Goberno solicitará ademais que non muden os criterios para o reparto de fondos, argumentando que deben privilexiarse os factores que inflúen no aumento dos custos dos servizos. No caso de Galiza, fundamentalmente: a dispersión poboacional, coa metade de todos os núcleos de poboación do Estado, "o que fai que no noso país sexa máis caro prestar estes servizos que noutras partes do Estado", argumenta o Executivo. Trátase dun factor que de feito deu lugar á porta en marcha dun servizo adicional, o chamado 065 Social, un Servizo de Transporte Adaptado.

Problemas coa transparencia a nivel estatal no proceso
A Xunta láiase ademais das presuntas irregularidades no cómputo de cifras relativas á dependencia noutras partes do Estado e insiste en que deben facerse público polo miúdo os datos de todas as valoracións feitas e as propostas individuais de servizos de cada un dos dependentes atendidos.

Ao respecto, Vicepresidencia amosa o balance en Galiza, que aparece no terceiro lugar a nivel estatal segundo o número de persoas dependentes valoradas, un total de 33 mil, das cales 23.500 xa obtiveron o seu ditame de resolución. Outras 10 mil agardan aínda o trámite despois de teren entregado a solicitude. Isto supón que se fan arredor dun milleiro de valoracións cada semana.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: