Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os Bloque presentará mocións nos municipios

Aviva a ferida na Fegamp ao fío do pau aos concellos con encoros

O BNG di ver "desleixo" na posición da Fegamp, e os socialistas responden desde a institución que "traballan desde o primeiro día no seguimento da situación".

Redacción - 09:00 11/07/2008

"Falta de reacción" e actitude de "desleixo" foron dúas das avaliacións realizadas este xoves polo secretario de Acción Municipal do BNG, Roberto Mera. O nacionalistas esixiulle á Federación Galega de Municipios e Provincias, a Fegamp, que amosase unha "posición firme" en defensa dos concellos afectados pola redución da cota que reciben debido aos encoros que ocupan as súas terras.

Na opinión de Mera, a lentitude da Fegamp neste caso "contrasta coa súa rapidez e contundencia á hora de utilizar a Fegamp de xeito partidista para enfrontarse co Goberno", recordou en referencia aos tirapuxas do organismo coas consellarías lideradas polo BNG.

Por este motivo, o BNG anunciou que presentará mocións nos concellos afectados polo decreto do goberno español que reforma as valoracións catastrais dos encoros. "Unha vez máis estamos diante do paradoxo dun país e uns concellos que soportan os custos de instalacións como as centrais hidroeléctricas e que agora mesmo se ven privados dos escasos ingresos e beneficios que reportaban para os concellos que asumiron o impacto destas instalacións", critican desde o Bloque.

A Fegamp asegura que xa colabora coa Femp ao respecto
"A Fegamp non consinte nin tolera que se poña en tela de xuízo a súa contundencia á hora da defensa da autonomía local, a suficiencia financeira ou calquera outra cuestión que afecte ao municipalismo", respondía pouco despois o presidente da federación municipal, o tamén rexedor socialista en Ames, Carlos Fernández.

Fernández insistiu en que, en cooperación directa coa Federación Estatal de Municipios e Provincias, a Fegamp estuda "posíbeis efectos perversos que o devandito decreto puidera ocasionar na recadación dos concellos en concepto de Imposto de Bens Inmobles".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: