Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'AS VÍTIMAS, OS NOMES, AS VOCES E OS LUGARES'

O franquismo segoulle a vida en Galiza a 3.588 persoas entre 1936 e 1939

Segundo o avance do informe presentado esta sexta feira por Cultura, case dous mil dos represaliados non tiveron ningún tipo de xuízo.

Redacción - 18:45 11/07/2008
Detalle da capa do primeiro informe do proxecto 'As vítimas, os nomes, as voces e os lugares'

Detalle da capa do primeiro informe do proxecto 'As vítimas, os nomes, as voces e os lugares'

Estes datos "contradín visión de que o pobo galego se rendeu aos sublevados", dixo a conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo, na presentación do avance do proxecto As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, no que traballan, a un tempo, a súa Consellaría e as Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

O traballo ha continuar até o ano que vén, pero esta sexta presentáronse os primeiros datos, que conclúen que a represión franquista en Galiza acabou coa vida de 3.588 persoas entre 1936 e 1939. Destas persoas, 77 eran mulleres, 1.911 foron mortas sen que mediase ningún tipo de proceso xudicial (o 53,3% do total), 845 foron executadas en procesos militares, e outras 391 foron executados de forma sumaria, sen formación de causa. Contabilizáronse ademais 240 persoas que morreron na cadea, e a causa da morte doutras 201 persoas non está identificada.

Estas cifras son o resultado dunha minuciosa investigación co baleirado da documentación das causas militares da IV Rexión Militar, dos rexistros civís dos concellos de Galiza e algúns de fóra, e a realización de 349 entrevistas en Galiza, Asturias, Barcelona, Girona, Arxentina, Cuba e Uruguai.

As características da represión

A maior parte das mortes producíronse no 36, especialmente nos primeiros meses despois do golpe militar, entre agosto e outubro, e outro dato significativo é que a maior parte dos falecidos tiñan entre 19 e 45 anos, é dicir, que estaban na idade socialmente máis activa. En canto á profesión e o extracto social, o informe desvela que hai un amplo reparto entre labregos e mariñeiros, operarios e clases medias e profesionais.

Segundo a conselleira, o que se buscaba era "deixar o país descabezado, polo que a represión se cebou nos dirixentes políticos e nas persoas menores de 45 anos".

Recuperar a memoria das vítimas da represión

O proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" ten por obxectivo recuperar e recoñecer as voces dos represaliados do réxime franquista, de forma que o seu testemuño chegue ás novas xeracións de galegos e galegas, para o que se está a constituír un fondo gráfico e documental dixitalizado.

Borrar os nomes dos represores
Por outro lado, esta sexta feira sóubose tamén que a Consellaría de Educación comezou a traballar para rebautizar varios colexios galegos que levaban, aínda hoxe, nomes relacionados co franquismo.

Cumprindo os trámites que recolle a Lei da Memoria Histórica, e despois de saber que Sanidade vai mudar o nome do complexo hospitalario coruñés, a Consellaría que dirixe Laura Sánchez Piñón comezou a traballar na supresión das denominacións franquistas que aínda conservan 11 colexios galegos. De momento, está aprobada e a piques de ser publicada no DOG a nova denominación de tres dos 11 centros afectados: o Colexio Francisco Franco de Beariz (O Carballiño) e dous de Marín (o instituto Almirante Salvador Moreno e Escola de Educación Infantil Calvo Sotelo). O de Beariz vaise chamar, dende agora, Centro de Educación Infantil e Primaria de Beariz, e o instituto de Marín, IES Illa de Tambo.

Os trámites son algo máis lentos neste eido, porque os cambios dos nomes deben pasar polos consellos escolares dos centros, pero adquiren carácter formal unha vez os publica o Diario Oficial de Galiza.

Así e todo, o anteriormente coñecido como Colexio Francisco Franco de Beariz seguirá estando na Rúa Carrero Blanco da vila, e aínda quedan (sobre todo en Ferrol e na Coruña) centros con nomes como o da dona do ditador, Carme Polo, ou o dos seus adeptos o Marqués Suances, José Ibáñez Martín, o militante fascista Montel Toucet, Enrique Salgado Torres ou Sanjurjo de Carricarte, o do cruceiro Baleares (sublevado no golpe) e o do Doutor Eijo Garay, bispo moi achegado a Franco.


Ligazóns

5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Nesta imaxe, a Volta dos 9 , en Baiona, ondo foron fusilados 9 republicanos da zona
Nesta imaxe, a Volta dos 9 , en Baiona, ondo foron fusilados 9 republicanos da zona
Estatua de Millán Astray, que aínda está na Coruña
Estatua de Millán Astray, que aínda está na Coruña
Fotografía dun fusilamento en 1936 (o lugar non está claro)
Fotografía dun fusilamento en 1936 (o lugar non está claro)
Presos levados á Illa de San Simón
Presos levados á Illa de San Simón
Presos na Illa de San Simón
Presos na Illa de San Simón