Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARTIDO DIVIDIDO

Pablo Padín revalida a presidencia no congreso de Terra Galega

Defende a representatividade e legalidade do encontro e amósase "aberto" a que se una o sector crítico.

Redacción - 10:45 13/07/2008

Terra Galega desenvolveu, finalmente, o sábado en Compostela o seu polémico congreso. O presidente da formación, Pablo Padín, asegurou que se viviu con "serenidade e sen tensións". Tamén defendeu a representatividade da xuntanza, á que acudiron o 72% dos compromisarios, de cinco das sete grandes cidades e de 37 das 47 agrupacións do partido. O 95% deles ratificaron as propostas que se presentaron.

A nova directiva do partido seguirá encabezada por Pablo Padín, mentres que o novo vicepresidente será o tenente de alcalde de Ordes Roberto González. O cargo de secretario xeral recaerá en Xermán Tobío, edil de Cedeira, e a vicesecretaría irá para Xosé Luís Vilas. Isto supón unha renovación "do 50 por cento, e tamén do 50 por cento do consello político", explicou Padín.

Con respecto ao anuncio do sector encabezado por Xoán Gato de impugnar o congreso, Padín asegurou que "todo o mundo é libre de actuar con respecto ao estado de dereito" e asegurou que se presentou toda a documentación. Segundo el, Gato non conseguiu as súas pretensións de modificar os estatutos do partido: "Marcha e pretende impoñer a súa legalidade". O presidente de Terra Galega tamén afirmou que o líder do 'sector crítico' chegou a recoñecer a validez do congreso nunha entrevista.

"O que nos interesa é seguir avanzando nas ideas do partido. Estamos abertos a toda a militancia", asegurou. "Se o sector encabezado por Gato quere achegarse, nós estamos abertos. Se fixemos o congreso apresuradamente foi porque eles o quixeron", conclúe.

Pablo Padín dixo que remataron o congreso "tristes, porque pode haber xente que marche, pero ilusionados e abertos a que se sume máis xente a este proxecto. Recibimos chamadas de apoio, de que falásemos co Partido Galeguista e creemos un partido, o único de Galiza serio e asentado de cara ás autonómicas e de cara ao futuro".


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: